5.03.2017

Voar con papel


Chegou ao souto o último de Marcos Viso e Xavier Estévez, Avións de papel, finalista do Premio Merlín 2016 e publicado por Xerais. Gratamente sorprendidos no souto pola súa prosa, cargada de lirismo, cunha historia orixinal e innovadora. O street art , a pegada poética do mestre Antonio García Teijeiro, a discapacidade, a forza a amizade, a denuncia social, son algúns dos temas fundamentais nesta obra. As ilustracións, a concepción visual de Marcos Viso, que alterna a disposición do cómic (xa amosada con anterioridade na Casiña Branca de Marcos Calveiro) co poder da imaxe de rúa, con predominio de verde, marelo e vermello, constitúen unha das mellores obras do ano ao noso entender.
Avións de papel conta a historia de Lucas, Sara e Lara, de como misteriosamente a casualidade e a curiosidade fai que se coñezan, que constrúan xuntos un mundo novo. Versa de como a arte e a literatura petan nas portas da imaxinación miúda e constrúen novos mundos onde o aburrimento non ten acollida. De como a unión fronte ás inxustizas fai que todo mude. A morte, a pegada dunha morte inxusta e precipitada, sacode os nosos seres, fai medrar sen querer, fai que gardemos nos nosos corazóns e nas paredes o que realmente importa, a fermosura do vivido.

Esta noveliña, escrita a varias voces, é coma un encoro, que cando se abre, non pode parar. Describe á perfección esa liña que separa a inocencia, a nenez, dun mundo maduro sen rede. Destinada a aqueles rapaces e rapazas de último ano de Primaria ou primeiro ciclo de ESO, a maxia da lectura fai que non volvas ver igual un simple e sinxelo avión de papel.

Recomendación do souto. Imprescindible para traballar a plástica, o street art, Bansky, a poesía, a imaxe, a metáfora, a discapacidade, a solidariedade, a inclusión...



Marabilloso compendio na parte final sobre o street art.

Sem comentários:

Enviar um comentário