3.31.2017

Pfr...Pfrr... Poc-poc-poc


Os irmáns, irmáns e irmás, danzantes, pelexóns, incansables; ese amor miúdo que se dá, que só se dá entre irmáns e camiña polo gume do amor-odio, do quérote sen quererte, da complicidade extrema, da confidencia, do xuntar forzas e do non soportarse. Quen é irmán, entende perfectamente o Animalario cotián... entre irmáns, de María Lires e do seu irmán (autor inspirador na sombra) publicado por Xerais na súa colección Merliño.



Como todos os irmáns que xogan, que discuten, que enredan, a vida de moitas de nós non se entende sen o gran compañeiro de xogo, sen ese ser que molesta, ao que botamos inmensamente de menos se non está, esa metade que sabe como cabrearnos, tamén como calmarnos e co que, desde que aparece ou aparecemos nós na súa vida, xogamos ata caer rendidos.
A ilustradora e autora María Lires, autora consolidada na nosa LIX, transmite á perfección ese imaxinario artellando un lúdico animalario. Quen non lle chamou ao seu irmán mamalón? Quen non xogou ás batallas, chimpou nas camas, comeu larpeiradas ás agochadas, quen non retou ata a linde á súa nai ou ao seu pai nun xogo de non cansar?
A tenrura e a orixinalidade deste besbellar de irmáns, coas características ilustracións da autora, fan deste álbum unha ferramenta moi útil para explicar que é esa barreira, que é ser irmáns, ese xogar ao desafío, ese xogar eterno que se constrúe para sempre na confidencia do cotiá.


Sem comentários:

Enviar um comentário