5.23.2017

A quen non lle gusta ver un paporrubio feliz?

Na entrada de hoxe falamos de Pituxa, a fantástica nena da caca de ouro (escrita por un bolígrafo) de Marcos López Concepción editada por Galaxia na súa colección Árbore.


Pensada para rapazas de doce anos en diante é unha delirante historia, ateigada ata a cima de imaxinación, de sorpresas e de aventura. Con ilustracións de Lidia Nokonoko, esta noveliña trata de como Pituxa, unha cativa bastante consentida, logra afrontar unha nova situación familiar. Como vai medrar en tempos de crise cando os seus pais son despedidos dos seus traballos, perden a súa casa... e aínda que todo son contrariedades, coa axuda dos veciños, de Isaura especialmente e da casa-vagón onde os acubilla, dos compañeiros e dos amigos, Pituxa vai vivir toda unha aventura e aprender que é o máis importante de todo, ainda que teña que pasar ata por un rapto. 


Un día fai unha caca de ouro e todo cambia. Desta obra, que está dividida en dúas partes, non imos desvelar por completo o que sucede nela, cremos que a sorpresa, a intriga, as ganas de saber que vai pasar non deben desvelarse, xa que precisamente é esta en parte a frescura que achega, ese punto de tolemia imaxinativa que non sabes por onde vai saír. 


Trátase dun libro de varias lecturas, actual, que mestura á perfección o real coa delirante imaxinación que o caracteriza, e que agocha unha crítica a esta sociedade desprovista de humanidade onde o capitalismo feroz avanza, brutal, marxinando e que carece de sentimentos, que nos converte a todas en transparentes, en seres grises e iguais. 


A importancia do humor artellase tamén a través das ilustracións de Lidia Nokonoko, mostrado ademais de orixinalidade, irreverencia, botando man do esperpento para explicar cousas que non deberan pasar, feitos que consenten a diario os estados coma os desafiuzamentos, como que calquera neno ou calquera nena pase necesidades.

Unha oportunidade para rir, para ler, para deixar voar a imaxinación.


       

Sem comentários:

Enviar um comentário