11.21.2017

Vender farrapos, regalar amor


No souto cando eramos pequenas faciamos dominós de mistos pousados no mármore da cociña de leña en ringleira. Sempre nos encantou o olor dos mistos cando acenden. Lembramos cando caeu nas nosas mans o clásico de Andersen e a profunda conmoción q nos causou. Simpatizamos coa vendedora de mistos, odiamos profundamente ese final despiadado, quixemos acender mistos para quentala. Tomy Ungerer revisou a historia dándolle a súa singular visión en 1974 e que permanece totalmente actualizada para os tempos q corren. A crítica social, o capitalismo feroz que provoca agresividade e codicia combáteos maxistralmente con maxia neste fermoso alegato de esperanza, de fe. Autor doutros clásicos contemporáneos e premiado multitude de veces, as ilustracións son dunha riqueza expresiva dinámica. Está adaptada por Sandra e Óscar Senra.
Dentro da colección Tras os montes de @Kalandrakaeditora, onde podes atopar máis títulos como Rufus, un morcego q adoraba as cores e, sobre todo, onde podes aprender sobre literatura universal, Os tres bandidos, Adelaida... É, sen dúbida, un álbum ilustrado que nos fai reflexionar, que empatiza con todas, para que promovamos un cambio na sociedade e creamos que outro mundo pode ser posible.
Ambientado no Nadal como o orixinal, neste caso Allumette é protagonista dun insólito milagre cando unha tormenta descarga toda clase de alimentos e obxectos; un maná que, por outra parte, sepulta en castigo a quen a maltratou. A diferenza do clásico do século XIX, esta historia infunde esperanza no futuro da humanidade, coa cativa como exemplo de xenerosidade, entrega aos desfavorecidos e a capacidade para xerar unha vaga de solidaridade que culmina creando unha grande asociación internacional de voluntarias e voluntarios.

Un volume que serve para traballar a empatía, feminista, para explicar as guerras, as inxustizas, como debemos comportarnos ante elas, cal é a actitude que deberan ter os gobernos...
Cuestionar a realidade que se nos presenta, a política tamén, a necesidade de fornecernos de autocrítica, todo, é moi necesario para que non nos vendan mistos cando en realidade o que temos é fame de amor.

Recomendada para explicar facilmente en que consiste o capitalismo feroz e o individualismo, para mudar as tornas.

10.30.2017

Cando estala unha castaña, libérase unha alma do Purgatorio


No souto estamos encantadas co Samaín, como non ía non ser doutro xeito! As castañas, os magostos, os soutos, as cabazas, os calacús... A nosa historia, a propria, é algo que nos chega a través da oralidade, do conto tras a lareira. Unha das mellores festas e da que se ten escrito moito é o Samaín, hai moitos libros no mercado sobre este tema. Estes días podemos ver moitas recompilacións de contos, de propostas divertidas.
Escollemos para facer unha entrada neste día O noso Samaín, de Loretta Birott Bermejo e ilustrado por Nuria Valdeón Balsas por ser un dos máis fieis ao que é a tradición. Un magnífico exemplar didáctico que contesta as preguntas básicas onde, como, cando, que.
Un libro que nos conecta aínda hoxe con outros países como Irlanda, Escocia, A Bretaña...
Tamén nos conta, axudado de imaxes gráficas e concretas, a tradición que se transmite grazas aos nosos avós. O emprego de melóns, nabos e outros froitos por parte deles, e a necesidade de que esa tradición se herde.
Editado por Galaxia, vémolo como un libro necesario para comprender que o noso, o que conserv


amos forma parte de nós mesmos, da nosa identidade, complementando así mesmo, a necesidade de falarmos na nosa lingua. Un libro útil para a didáctica das tradicións, para falarlles de transmisión oral, para valorar a lingua e os costumos de noso.
Se ademais, tamén vos queredes disfrazar, pois adiante!

10.03.2017

Sorrir nos días neboentos


Declarámonos fans, non o podemos evitar, aos do souto gústanos a prosa irreverente e máxica de Ledicia Costas, non podemos negalo e, ademais, lela é sinónimo sempre de diversión, de maxín, de meterte dentro dun libro e non saír del, de soñar, de que te atrape. O novo de Ledicia Costas é A señorita Bubble, ilustrada por Andrés Meixide e publicada en Sopa de Libros por Xerais.
Orixinal e transgresora, a Señorita Bubble é toda unha revolución en varios sentidos para unha vila que cre todo o que o alcalde solta, que é gris, cunha escola gobernada por dúas irmás que pertencen á mafia, totalmente antipedagóxicas, represoras. Sofi e Noa, protagonistas miúdas da historia, descubrirán como a maxia rodea todo alá por onde camiña esta simpática e doce científica. A intolerancia, o medo ao diferente, o empoderamento feminino, a importancia das emocións e dos sentimentos teñen unha importancia vital nesta recomendada e escelente proposta.

Única na construción de personaxes, Ledicia volve reafirmarse coma o que é, unha artelladora de mundos dentro das páxinas dos libros, ideal para profundizar e abrir as portas do coñecemento dunha maneira sútil, inspiradora, e concretamente neste volume, unha boa embaixadora do respecto ao diferente, ao estraordinario, ao pensamento crítico, un convite á reflexión e ao soño  Andrés Meixide completa magnificamente un tándem suxestivo, destece os fíos dese xersei de Vincent que a Señorita Bubble non é quen de rematar (chiscadela ao que nos venden como conciliación familiar), deseña ese vehículo imposible que a transporta, pon as alfaias e as engrenaxes dese mundo Bubble marca rexistrada que despegaría nun país lector normalizado. As súas ilustracións maxistrais convidan a mergullármonos nas páxinas, a camiñar por entre as orquídeas dese invernadoiro espectacular.

Magnífico libro recomendado para cativas a partir dos 10 anos e para lerlles todas as noites a quen aínda non os ten. Un libro para traballar prexuízos na aula, para pór en valor o importante, para reivindicar as ciencias, a rama científica-tecnolóxica na nosa lingua.


9.22.2017

Sentar os ceos a media altura.

No souto temos ás veces, bastante a miúdo, dias nos que as pernas e  as mans non nos deixan saborear os tons incipientes do outono. Hoxe imos falar deses días, de Días Lebre de Clara López ilustrado en tapas duras por Marcos Viso.

Días lebre é o contrario de días tartaruga, de ir amodiño, son 15 poemas que fan referencia a aspectos relacionados co día a día, desde a perspectiva infantil e o seu universo. Ese estrés que ás veces se transforma nun ir e vir ateigado de intensidade, do correr das horas e da necesidade de parar para enredar
Cargados coa sutilidade dun humor cativo, cheos de sensibilidade, a fantasía e a proximidade que nos trasmiten os textos de Clara López mestúranse coas impresionantes ilustracións de Marcos Viso. O volume artella un universo simbólico cargado de sensacións, de sentimento, de lingua xogando coa , a disposición textual e unha voz poética chea de claridade e próxima á infancia para unha maior identificación. As ilustracións oníricas de Marcos Viso seguen o compás dos versos a través de formas diluídas, trazos difuminados e cores pastel sobre suaves texturas que evocan o espazo de abstracción onde se produce a poética dicotomía: días lebre vs. días tartaruga.

A rica e expresiva temática voa a través das sumas e as restas, os días da semana, os insectos, os animais, os medos, o mar... Trátase dun volume fresco e sensual, atinado para reivindicar o uso da poesía na aula e o aspecto lúdico das palabras.

Recomendámolo por diferente e orixinal.










9.17.2017

Derrubando valos, mirando as estrelas


Comezamos o curso cheos de enerxías renovadas despois dun merecido descanso, con ganas de ler mil follas coa chegada do outono, de inzar de castañas os soutos todos. E para comezar un novo andazo de palabras escollemos unha obra de Xerais, O valo, obra gañadora do IX Premio Manuel María de Literatura Dramática infantil 2016, de Carlos Labraña e ilustrado por Nuria Díaz. Forma parte dos textos teatrais máis representativos da Biblioteca Dramática Galega e coedítase coa Axencia Galega das Industrias Culturais, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O valo é unha obra de teatro ideal para fomentar o gusto polo teatro e pensada para representar, ideal para fomentar a dicción na aula, a autonomía persoal e a oralidade. Desde o punta de vista do contido está protagonizada por dous personaxes únicos Soldadiño e Sahara e é unha homenaxe a todas as nenas e nenos vítimas dos desprazamentos causados polas guerras, guerras como a de Siria e as inxustizas daqueles lugares onde os nenos e as nenas medran sendo soldados. Non desvelaremos máis do argumento pero é especialmente útil desde o punto de vista temático para explicar as guerras, as súas causas, para sensibilizármonos contra os conflitos, para abrir as nosas mentes. Tamén é especialmente útil para traballármonos temas secundarios non menos importantes como a literatura de transmisión oral, a diversidade, a tolerancia, as linguas do mundo, as estrelas e as constelacións, a necesidade de practicar a empatía e a realidade social e de crise que nos toca vivir acotío.


As ilustracións de Nuria Díaz contribúen especialmente a completar a fermosura desta obra, o seu traballo é area no deserto e constelación na noite. A dozura das palabras da cativa e a delicadeza están perfectamente conseguidas a través dos tecidos, dos vermellos, do gris e dos ocres.
É sen dúbida unha obra recomendada para a escola, representable sen gasto, para fomentar e traballar o discurso e para saltar valados que nos dividen absurdamente.


Recomendación do souto

6.13.2017

Inacabadas e imperfectas coma nós!


Chegou ao souto Os golfiños e o xigante, de Ignacio (Ignacio Vilariño, obra de teatro gañadora do XII Barriga Verde de textos para o teatro de monicreques na modalidade infantil editada por Baía Edicións e a Xunta de Galicia.
Se hai un xénero necesario entre as rapazas, ese é sen lugar a dúbidas o do teatro infantil, xa que axuda entre moitísimas cousas, a mellorar a lingua na parte máis precaria, a oral. A necesidade de focalizar a normalización na oralidade é tanta que o teatro, a regueifa, a poesía, todas as manifestacións orais deben priorizarse tendo en conta que ademais potencian a autoestima e o medo a falar en público. Baía edita unha obra que segundo o xurado conta cunha estrutura narrativa orixinal e audaz. Vincular teatro con modernidade temática é quizais o gran logro desta obriña, que emprega, tamén segundo o xurado, o recurso da repetición con grande acerto,

Li e Po, os dous golfiños do acuario de Fushun, están en perigo e vai ser Jiang quen emprenda unha aventura na procura dunha solución. A modernidade, a actualización temática, o ecoloxismo, o respecto pola liberdade dos animais para que vivan no seu hábitat, a superación dos obstáculos que se nos presentan, todo isto xunto cun espazo descoñecido, a maxia da China, artellan unha peza teatral atraente e fresca. Trata ademais un tema de actualidade que ten interese para os máis novos, a reivindicación da vida en liberdade dos animais, o respecto ao medio, con diálogos áxiles e ben construídos. A través dunha elaborada proposta escénica que mestura a técnica de sombras chinesas e o audiovisual recrea un curioso percorrido en diferentes medios de transporte polas exóticas paisaxes da China.

Unha oportunidade única para practicar a dicción, para divertirse aprendendo e falar mellor!

6.07.2017

E pintou as orellas de rosa para poder voar!


Chega ao souto un clásico do álbum ilustrado. Trátase de Rufus, O morcego que adoraba as cores, con texto e ilustracións de Tomi Ungerer na colección Tras os Montes de Kalandraka adaptado por Sandra e Óscar Senra Gómez. Kalandraka edita en galego o marabilloso álbum concibido por Tomi Ungerer en 1961, que a aqueles que estean familiarizados co álbum ilustrado lles soará por títulos como Os tres bandidos, Críctor, Adelaida, Emilio ou Onde está o meu zapato?, todas obras de referencia e que forman parte dunha extensa etapa creativa que consta de máis de 30.000 traballos de diferentes estilos (entre 30 e 40 mil), recollidos en 120 libros. Marcadamente antibelicista (nado en Estrasburgo en 1931) emigrou a Nova York onde colaborou en medios xornalísticos e criticou abertamente a sociedade superficial americana. Conseguiu a Medalla de Ouro da Sociedade de Ilustradores e o Premio Hans Christian Andersen.


Rufus é a historia dun morcego que un día, nun cine nocturno ao aire libre, descobre a luz e as cores. Ao vivir nunha cova, o pequeno nunca vira a luz do día. Marabillado pola luz, polas cores decide non durmir e explorar o espazo. No seu afán por mimetizarse coa realidade chea de cores que o rodea, decide pintarse. Rexeitado, ferido e danado pola agresividade e crueldade humana, é a sensibilidade dun doutor quen o salva, quen fai que se acepte e de quen aprenda que a amizade non entende de diferenzas.
As ilustracións, ao igual que Os tres bandidos, están cargadas dos contrastes ente a escuridade e aluminosidade do día, entre a cor da noite e as flores, as bolboretas e un marabilloso coleccionista.


Trátase en resumo dun álbum diferente, atraente para os pequenos, para aprender sen que se note, de xeito lúdico, as cores, o valor da amizade, os animais, a sensibilidade, a empatía e o feito de aceptarse cada un como é, xa sabedes, iso de quererse a un mesmo e aceptar que temos defectos, nós e as persoas que queremos, todas!

Marabillosa forma de aprender con animaliños que xa de en por si non caen simpáticos.

Recomendación de Souto.