6.07.2017

E pintou as orellas de rosa para poder voar!


Chega ao souto un clásico do álbum ilustrado. Trátase de Rufus, O morcego que adoraba as cores, con texto e ilustracións de Tomi Ungerer na colección Tras os Montes de Kalandraka adaptado por Sandra e Óscar Senra Gómez. Kalandraka edita en galego o marabilloso álbum concibido por Tomi Ungerer en 1961, que a aqueles que estean familiarizados co álbum ilustrado lles soará por títulos como Os tres bandidos, Críctor, Adelaida, Emilio ou Onde está o meu zapato?, todas obras de referencia e que forman parte dunha extensa etapa creativa que consta de máis de 30.000 traballos de diferentes estilos (entre 30 e 40 mil), recollidos en 120 libros. Marcadamente antibelicista (nado en Estrasburgo en 1931) emigrou a Nova York onde colaborou en medios xornalísticos e criticou abertamente a sociedade superficial americana. Conseguiu a Medalla de Ouro da Sociedade de Ilustradores e o Premio Hans Christian Andersen.


Rufus é a historia dun morcego que un día, nun cine nocturno ao aire libre, descobre a luz e as cores. Ao vivir nunha cova, o pequeno nunca vira a luz do día. Marabillado pola luz, polas cores decide non durmir e explorar o espazo. No seu afán por mimetizarse coa realidade chea de cores que o rodea, decide pintarse. Rexeitado, ferido e danado pola agresividade e crueldade humana, é a sensibilidade dun doutor quen o salva, quen fai que se acepte e de quen aprenda que a amizade non entende de diferenzas.
As ilustracións, ao igual que Os tres bandidos, están cargadas dos contrastes ente a escuridade e aluminosidade do día, entre a cor da noite e as flores, as bolboretas e un marabilloso coleccionista.


Trátase en resumo dun álbum diferente, atraente para os pequenos, para aprender sen que se note, de xeito lúdico, as cores, o valor da amizade, os animais, a sensibilidade, a empatía e o feito de aceptarse cada un como é, xa sabedes, iso de quererse a un mesmo e aceptar que temos defectos, nós e as persoas que queremos, todas!

Marabillosa forma de aprender con animaliños que xa de en por si non caen simpáticos.

Recomendación de Souto.

Sem comentários:

Enviar um comentário