1.16.2014

Sucar o mar

El era unha vez nas illas Galápagos, un lugar moi afastado das costas galegas, naceu unha tartaruga especial que os seus pais decidiron chamar Tambo. Desde cativo foi sempre curioso e por iso decidiu emprender unha viaxe á procura de aventuras...
Asi comeza Tambo, un proxecto musical que vai máis aló dun simple libro-CD elaborado por Laura M. García Ferro e Víctor A. Castro Martínez e onde colaboran artistas da importancia de Magín Blanco, Miguel Túñez e Abe Rábade, Fina Casalderrey e Evcalo, o coro infantil municipal de Cambados, a coral infantil e xuvenil Z. Kodály de Vilagarcía, L.E. Batallán, Ánxeles Lago e Diana Tarín, Ricardo López, Montse Ogando e o Club de Ximnasia rítmica In Mare de Marín.
Trátase dunha obra multiformato que integra nunha soa obra aspectos musicais, audovisuais e de expresión cultural. Editada por Cumio, naceu dunha actividade dinamizadora da biblioteca escolar do CEIP do Carballal de Marín na que o alumnado elaborou un relato que anos máis tarde deu nunha estreita colaboración co CEIP A Pedra de Bueu. Dirixido a todos os públicos, está fundamentalmente orientado ao ámbito educativo traballando especialmente aspectos transversais como a conservación do medio e o respecto polas persoas que teñen discapacidade. Polo miúdo, este disco fresco e gorentoso, contén trece contos orixinais trenzados cun fío común, trece temas con diferentes estilos, trece animacións dinámicas de Stop Motion con karaoke e seis coreografías gravadas por nenas en exteriores. Entre os temas que trata están os relacionados coa historia que conta como os que teñen que ver coa bela serea Cristal, coa sapoconcho Onza  ou a medusa Augamar, sen esquecer falar dos planetas ou do pirata informático Pedro Chosco entre outros.
Tambo constitúe todo un universo de personaxes e animaliños do mar, con ritmos suaves cos que danzar,  ritmos melosos e doces que van facendo que te movas ao compás das voces sen poder evitalo. O obxectivo deste marabilloso proxecto é aprender dun xeito divertido e cúmprese.

Recomendámolo para os centros!
Podes visitalos en

https://www.facebook.com/tambocumio

Sem comentários:

Enviar um comentário