No souto estamos bailando ao son do vento, as nosas follas móvense acompasadas por boa música, somos piratas neste ano que remata!
Ás portas do Nadal e incluídos os dous en
Agasallo.eu, iniciativa posta en marcha para apoiar o produto galego, Galaxia aposta polo Libro-Cd, polos artistas galegos, e ademais faino cos premiados e tan bailados Mamá Cabra, que acaban de ser recoñecidos cos Premios Galegos da Música Martin Códax, e co recoñecido e extraordinario labor de Pablo Díaz que tanto bailoteamos co Tic Tac.
Cartas que veñen e van, con textos de Susa Herrera intrerpretadas por Mamá Cabra e ilustracións de María Lires, é un álbum espectacular, cheo de cancións que fan as delicias dos máis pequenos, temas como Casimiro o Elefante, De que cor?, O polo Pepe..., cancións moi apropiadas para traballar nas aulas, de xeito didáctico cos nenos e un ritmo festeiro que vai facer que movan os pés. Cartas que veñen e van son cartas en forma de música que van dirixidas a animais, a personaxes singulares e adorables que os máis pequenos nalgúns casos xa coñecen. Susana Herrera é autora de moitos contos para nenos, e leva toda a vida demostrando que os contos tamén se cantan e poden bailarse. As redondeadas e características ilustracións de María Lires poñen o punto de cor preciso para achegar a máxia suficiente a un traballo ben redondo.
Toc toc, de Pablo Díaz con ilustracións de Nuria Díaz é unha festa por todo o alto chea de piratas, do noso Apalpador, Mazarico, Pedro Chosco ou de Garavanciña, entre outros. A máxia daquel hit que foi o Tic tac segue viva e parece que non podes escoitar o disco sen despegar os pés do chan. A enerxía de Pablo Diaz contáxianos e a inclusión de temas que falan de personaxes tradicionais como o Apalpador ou Pedro Chosco faino ideal á hora de traballar con el para transmitirmonos a nosa tradición de maneira divertida e transversalmente. Nuria Díaz é desas ilustradoras, xunto con María Lires, que fai o seu traballo de maneira exquisita, cunha marca persoal inconfundible, despregando un ronsel de personaxes alegres que, a modo de orquestra, completan o que non alcanzamos coa imaxinación.
Agasallar música e apostar polo noso debe ser máis que unha opción para agasallar, para levar no coche e facer que os nosos besbelliños canten, bailen e gocen da nosa lingua!
Bo Nadal desde o souto!
Sem comentários:
Enviar um comentário