Baía Edicións leva parte do outono atrapando a nosa atención pola maxestosidade das súas propostas, que conxugan á perfección coñecemento e diversión, e co volume que presentamos hoxe vai camiño de que non apartemos a mirada nin por un segundo. Dinosauros, 150 animais prehistóricos de pequenos a grandes, con textos e ilustracións de Roc Olivé é un deses álbums-tratado que enganchará máis dun pai e máis dun neno. Non sei se concordades, pero hai unha etapa nos nosos meniños e as mamás sábeno, en que se volven auténticos expertos en animais prehistóricos e, este manual, aínda que non sexa un libro infantil en estrito sentido, responde á necesidade de emprender o camiño da sabidoría, de xogar noutros mundos e de voar por territorios inexplorados nunha batalla inigualable.
Dinosauros, 150 animais prehistóricos de pequenos a grandes realiza unha clasificación rigorosa dos dinosauros en dous grandes grupos, ordénaos segundo a súa altura comparándoos con nós e explica cal é a era á que pertencen. Dinosauros, de Baía Edicións convértese nun agasallo perfecto para este Nadal, unindo xogo e educación e respondendo a unha demanda que está na rúa, por que os nosos nenos precisan completar e encher as lagoas de coñecemento que teñen.
Unha magnífica proposta transversal que agradecer!
Sem comentários:
Enviar um comentário