12.18.2013
Arte, poesía e Rosalía
Como unha pluma negra que pousa docemente, unha folla de castiñeiro que se deixa ir, unha rosa vermella asilvestrada, como o son da poesía mesma, así chega ao souto na invernía unha obra de tapas duras que arrecende a tacto, que transmite amor e tenrura, e que transporta deliciosamente no tempo e no espazo ata a Casa da Matanza, a casa de Rosalía de Castro.
Biblos Clube de Lectores presenta A pantasma da casa da Matanza e volve apostar polas marabillosas e suaves ilustracións de Xosé Cobas, todo un referente que atesoura a sabedoría da consagración como pintor cunha paleta chea de pasteis que se elevan a arte. A escolla de Xosé Cobas, máis que acertada, acompásase cos textos doutro grande, Miro Villar, labrador de versos marabillosos, que abre o abano do enxeño deseñando todo un conto en verso, recendo dos figos da figueira, arredor do poema Negra Sombra de Rosalía de Castro. Este volume á parte de pola súa fermosura discursiva é unha ferramenta máis que útil para introducírmonos no mundo da poesía e na figura da autora galega do Rexurdimento. No souto recomendámola especialmente para a docencia para, con estrema tenrura, introducir a vida e a obra da autora desde un punto de vista diferente, fuxindo dunha concepción fechada do facer nas aulas. Todo un aloumiño de libro:
Voume antes presentar, pois educada
e cortés hai que ser. Isto primeiro
cómpre saber facer antes de nada.
Eu son a Negra Sombra. Eu non cheiro.
Sonvos como a dozura da almofada.
Publicada por
Brabádegos
à(s)
13:45
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no XPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário