No souto ao chegar á páxina once de Bisa Bea, Bisa Bel, de Ana María Machado, editada por Galaxia para nenos de dez anos, dentro da súa expléndida colección Árbore, comprendimos que era imposible frear a curiosidade, acougar a necesidade de máis, entendimos á perfección que estabamos diante dunha historia que engancha, que ten ese poder máxico que fai que tanto grandes como pequenos queiramos saber máis, queiramos saber todo.
Galaxia é desas editoriais de noso que podería quitar mil volumes interesantes, mil libros atraentes, pero ultimamente o seu labor vira cara á esquisitez, cara ao sibaritismo, ofrecendo literatura de calidade e apostando por lecturas axeitadas e contidos espectaculares. Ana María Machado é desas escritoras expertas no seu terreo, non só é unha autora de literatura para nenos, senón que se preocupa polo seu traballo, pola súa paixón. No ano 2000 este volume acadou o premio Andersen de Literatura, un dos de maior prestixio e un tivo grande éxito. Vendéronse máis de dous millóns e medio de exemplares e nel fala das relacións entre os nenos e os maiores, da tenrura e da imaxinación deses seres miúdos que teñen munición para encher varios mundos Unha tenra historia de amor entre unha neta e a súa bisavoa. Unha desas hitorias doces que nos fan entender que a vida é un lugar marabilloso. Un libro moi divertido que trata, tamén, dunha nena moi especial.
En Brabádegos destacamos especialmente o uso da linguaxe, a magnífica tradución de Ramón Nicolás (valor engadido do libro sen lugar a dúbidas), as acaídas e inesperadas ilustracións de Almudena Aparicio, un sorprendente mundo creativo que fai que os nenos se identifiquen e queiran vivir as mesmas experiencias, dando pé a sonhar e ao mesmo tempo, facéndoo en valores como o da amizade, o respecto polos maiores, provocando tamén a reflexión interna e o pensamento crítico. Unha marabilla!
Sem comentários:
Enviar um comentário