
Hoxe no souto falamos dun libro moi especial, para xente especial, para familias especiais cheas de amor. Galaxia atesoura na colección Árbore un título singular e impresionante: O caderno de Ánxela. O caderno de Ánxela, de Raquel Ricart Leal, é un libro que no ano 2012 entrou na Lista White Raven que recoñece os mellores libros infantís do mundo. É a historia dunha rapariga chinesa adoptada quen polo seu aniversario recibe un caderno como agasallo. A súa sensibilidade, a súa madured, o seu comportamento fronte á vida conforman unha regalía de relato. Lonxe de tratar o tema de xeito monótono ou de compartir con nós os tópicos relacionados co proceso, a súa visión vólvese enriquecedora no eido didáctico para traballar este feito tan delicado moitas das veces. A árbore transplantada que non quere murchar e ficar enxoita agroma con forza ao longo do relato, transmite as ganas de vivir, de soñar e de compartir os sentimentos e pensamentos dunha rapariga preadolescente. As raíces, as precupacións, a riqueza estilística, a linguaxe empregada e o xeito de escorrentar os medos (coma se fosen mosquitos inoportunos) son as leccións que fan desta obriña a semente axeitada para os rapazolos de 10 anos en diante. Ademais a obra é unha adaptación perfecta á nosa lingua feita por Eva Mª Lozano Carpente con ilustracións de Pablo Otero Rodríguez (Peixe).


Sem comentários:
Enviar um comentário