A primeira vez que no souto puxemos o disco Rosalía pequeniña, de Editorial Galaxia da colección Sonárbore, coa voz inconfundible de Uxía e as magníficas ilustracións de Marina Seoane, a sensación levounos ás terras de Padrón, á comarca enteira, a unha Galiza de segas e de emigración. Puidemos visualizala, rubindo ás árbores, indo coas vacas, xogando coas herbiñas no prado, bebendo a auga fría das présas que tornaba. Comprendimos de inmediato a súa forza e a mensaxe que neste libro-cd se nos quería transmitir. Rosalía Pequeniña é unha xoia da literatura, son os poemas da grande Rosalía de Castro, as súas letras maxistralmente acaídas, o seu sentir, a súa loita polo pobo, por defender o agro, a xente... iso que os poderes políticos ás veces non ven, iso que moitos non aprecian ao confundir folclore con arte e poesía cunha mera concatenación de palabras bonitas. O sentir, os que levan na fronte unha estrela e no bico un cantar, é para grandes e para miúdos, para achegarse a ela docemente, para levar no coche, para cantaruxar a viva voz xunto a Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, a Señora Carmen, Sés, e un senfín de xoias que acompañan este proxecto.
Como se os luxos foran poucos, contén un prólogo da escritora Begoña Caamaño, que xa nos adianta o carácter da nena rebuldeira que quere cambiar o mundo, que xoga a ser pirata, unha nena que cando se fai adulta ten a suficiente determinación para virar o seu destino e non conformarse con ser só unha nai. Toda unha muller que forma parte da vangarda literaria do momento e que, fóra do preestablecido, publica co seu nome, a obra que abre o noso rexurdir.
Rosalía Pequeniña é un discazo, sen peloteos, sen eufemismos, un disco que reúne tradición, dez poemas preciosos convertidos no cara bonita da literatura infantil e xuvenil de hoxe que ben podería estenderse á literatura galega actual. Rosalía pequeniña, Come chove miudiño, Xan, Has de Cantar, Paseniño, A Rosalía (No bico un cantar. A probe da tola), Falares de amor, Miña Santiña, miña santasa, Alborada, Maio longo e A grasia non era moita (impresionante tema cantado por Sés) son as cancións que podes atopar neste traballo discográfico que recomendamos especialmente en Brabádegos.
Un disco que ademais podedes escoitar en persoa, en diferentes vilas de Galiza polas que Uxía anda a trotar.
Sem comentários:
Enviar um comentário