12.17.2012

Mil aventuras coas que viaxar

Xa chegou a invernía e ás portas estamos das datas máis significativas do Nadal.  De follas inzadas polo chan, molladas e arrastradas polo temporal, todo este mes e a partir de agora imos publicar o máis representativo de moitas das mellores editoriais. Intentaremos guiarvos para que poidades agasallar cultura, pois este ano, máis ca nunca, hai que seleccionar mellor onte investimos os cartos. Fieis seguidores no souto de figuras senlleiras do noso como o Apalpador, agasallar cultura, agasallar LIX (literatura infantil e xuvenil) é apostar por tecido industrial galego e é tamén nutrirse de valores, de sabedoría e de vocabulario. Estas armas, coas que fornecemos os nosos nenos, serán imprescindibles para que se defendan mellor nun futuro. Hoxe sumamos unha editorial nova, Hércules Ediciones, especializada en publicacións que divulgan a cultura, valores e cultura de noso. Hércules Ediciones súmase ao ámbito da literatura infantil e xuvenil cunha proposta orixinal.

A obra que presentamos hoxe é Hércules e a máquina do tempo, con textos de Clara Arraz e Matilde María Varela Ben e ilustracions de Kika Hernández, que fai unha incursión no mundo clásico, na mitoloxía. Un mundo necesario de coñecer que achega cultura xeral, valores, os piares do noso mundo.  Hércules está aburrido despois de tantos séculos no Olimpo, encargalle ao seu amigo Cronos unha máquina do tempo para viaxar e vivir novas aventuras a través da Historia, para coñecer personalidades das que sabe a través da lectura…e é que bota moito de menos as súas antigas viaxes polo mundo! Mentres agarda, decide relatarnos a súa historia, chea de episodios abraiantes, que vos parece se lemos o que nos conta sobre a súa vida e as múltiples andanzas que o converteron en inmortal? Un mundo o de Hércules ateigado de sucesos inesperados, ateigado da maxia do mundo antigo, de civilizacións antergas como a Grega, coa súa rica mitoloxía, que nutriron por séculos moitos ámbitos da nosa cultura actual. Hércules é un semideus e conta daquela cunha morea de poderes que o fan único e inigualable. O gran deus Zeus é o seu pai e iso fai que el conte cunha forza descomunal.
Adicionar legenda
Recomendado para cativos ata os catorce anos, Hércules  e a máquina do tempo forma parte dunha colección que non vai ficar no mundo mitolóxico, tamén coñecerá escritores, deportistas etc. 

Sem comentários:

Enviar um comentário