12.29.2012

Reices que van chegar

Hoxe no souto queremos facer unha recompilación de todas as posibilidades que tendes, entre as novidades deste mes, para agasallar cultura, para facer felices a nenos sen necesidade de gastar moitos cartos e para gozar con eles. Hai para todos os gustos e de todas as editoriais, para idades cativas e para rapazolos, a escolla debédela facer vós. Só é un pequeno apuntamento, xa que se consultades cada unha das páxinas web do sector editorial galego abriredes o abano das posibilidades un pouco máis.

Como por alguén debemos comezar velaí as propostas da Editorial Kalandraka, que este ano conseguiron o fito de facerse co Premio Nacional á mellor labor editorial cultura. A galiña roxa, adaptación de Pilar Martínez coas ilustracións de Marco Somà conta a historia dunha galiña roxa que atopa uns grans de millo e decide facer pan. A nosa protagonista pídelles axuda a un can lacazán, a un gato durmiñón e a un pato barullereiro sen moito éxito. Todos acoden á cociña cando xa está feito, mais a galiña ten unha sorpresa para eles. Un relato que invita a reflesionar sobre o importante que é compartir, non ser egoísta para poder gozar das recompensas da vida. Kalandraka tamén aposta por outros títulos como Bandada, O baile diminuto e Gatiño e a neve.

Baía Edicións conta con varias propostas moi interesantes para aqueles que este ano foron bos, incluso poden ficar abraiados con tanta xenerosidade real. Ademais de O Carballo, que recentemente recensionamos no souto, desprega a súa calidade con Compendio de herbas máxicas, impresionante volume que indaga no espiritual-marabilloso e que de seguro máis dun rapazol@ agradecerá. Magnificamente ideado por Montse Rubio, merece a pena mergullarse nel e comprobar a súa profundidade creativa. Este libro pretende ser unha homenaxe a ese uso “máxico-espiritual” relegado e ás meigas, feiticeiras e meigos, que, co seu bo facer, axudaron e axudan aínda hoxe en día a tantas persoas.
Para os pequechos Baía aposta, entre outros títulos como Peter Pan, por O emocionante día de Pítí o caracol, que a pesar que xa leva desde hai uns meses na editorial, está a ser unha aposta segura para ter un agasalliño máis que xeitoso cos máis pequenos da casa. Atraente, divertido, sinxelo, este simpático ser, leva canda si a felicidade que irradia e o valor engadido de ser un libro táctil cheo de texturas para experimentalo mellor. Completan a oferta tres títulos da imprescindible Colección Meiga Moura para rapaces que xa saben ler: A neve e o lume, de Chelo Suárez, O segredo do lagarto arnal, de Andrea Maceiras, e Bandeiras negras, Ana María Galego Gen, gañadora do V Premio Meiga Moira 2012..
 
Oqo Editora, un referente no noso país de traballo experto e gran produtividade non pode faltar nesta relación de propostas. A títulos recentes como O crebacabezas e Ovos duros, veñen acompañalos dúas propostas singulares e máis que orixinais como son Carabuñas, de Margarita del Mazo con ilustracións de Charlotte Pardi, e Seis barbudos, de Mar Pavón e ilustrado con arte por Vitali Konstantinov. Carabuñas ou deberiamos dicir Caramuxo, é o relato dunha nena perseverante e intelixente que salva de ser comida por un bruxo empregando o humor e o enxeño. A partir dos tres anos e cunhas ilustracións máis que envolventes. Seis Barbudos é tamén unha aposta segura para sorprender e marabillar. O ronsel de orixinalidade e os valores que desprende este álbum resumen o gran traballo desta editorial. Onde se ven seis barbudos que dan medo, a simple vista, acabarán por sorprendernos coa súa bondade e xenerosidade. Para públicos que están aprendendo a ler e para os que gosten da ilustración. E por último, desta editorial, queremos destacar a colección para pequerrechos prelectores Conto cinco sentidos, un estoxo que solventará ese agasallo para aqueles cativiños de dous anos. Un detalle para comezar cedo na lectura.

Biblos Clube de Lectores engade ao delicado e coidado Páxaro de mar e vento dúas obras singulares. Por un lado a unión de dous monstros como Iolanda Castaño e o grande ilustrador Xosé Tomás dá como froito Veredades, un álbum ilustrado sorprendente e espectacular, coa conxugación perfecta entre a palabra e a imaxe, dando fe da calidade artística que o invade. Este volume aposta sen dúbida ningunha polo coidado do medio, polo respecto e conta cun enfoque claramente didáctico moi recomendable para a incursión dos cativos na lírica. Por outro lado, Biblos, tamén aposta polo que nos caracteriza como pobo, O polbo de Mugardos, de Víctor Ferreira con ilustracións de Xoti de Luís, é toda unha homenaxe ao polbo, ás nosas costumes e tradicións. Un exemplar único que se acompaña cunha guía de lectura.



Galaxia sorprende este Nadal cunha proposta musical. Se aínda non tiveches oportunidade de coincidir coa Locomotora de María Fumaça non sei onde vives. Agasallo imprescindible para levar no coche, regalo para abraiar danzando nunha nube envolvente que tes que ter. E se aínda dispós de algo de cartos frescos despois de danzar con Alegría e arrasar coa tropa toda de Uxía, Mamá Cabra ten preparado para ti Bicos de Música, o hit miúdo do nadal. E como os de Galaxia teñen de todo, para cativos a partir de doce anos A vaca canibal de Marilar Aleixandre onde as vacas, ese animal tan noso, reflexionarán, contarán as súas historias e provocarán moitas moitas risas. Tamén para a mesma idade O caso máis estraño do detective Marschen de Xavier Frías Conde que artella moitas historias xuntas sobre fantasmas, androides e hecatómbes nucleares.
Sotelo Blanco aposta forte pola literatura. Anos de traballo incansable detrás das letras achegan obras de calidade especialmente coidadas para que os rapaces adquiran valores e vocabulario, formándose con historias divertidas e apostando por autores galegos. Entre as súas novidades atopamos A balada de Roi Nemiña, de X. H. Rivadulla Corcón para cativos de doce anos en diante. Cando naceu Nemiña, o espírito da súa avoa presentouse ante os seus pais e comunicoulles que os Espíritos Mariños elixiran aquel neno para que, cando fose maior, fora quen salvase a tribo dos sisargos e non desapareceran, e, deste xeito, o pobo nin a súa cultura nin a súa lingua. Tamén conta coas aventuras de Abraham Carreiro, con ilustracións de Maties Segura en Xoeliki As aventuras dun ciberpirata e O grande apagamento. Dous libros encadrados na mesma colección que teñen como protagonista a un neno de once anos introvertido e tímido. Xoga aos videoxogos online e bota horas chateando en internet, sóavos de algo? A ver se desta sodes vós os que os podedes enganchar na lectura. Completan a oferta os libros recensionados por Brabádegos con autores tan destacados como Miro Villar.
Everest, outro punto de referencia o falar de literatura infantil e xuvenil, desprega un ronsel de novidades máis que interesantes e apetitosas. Para abrir boca Catuxa quere saber, de dous grandes Concha Blanco e Dani Padrón, conta a historia de Catuxa, de cinco anos, unha desas rapazas que, en parte pola boa relación que mantén co avó, aprende cada día. El nárralle "contos cativos" que a fan rir. Ten amigos no colexio, pero tamén xoga cos paxaros, coas formigas e coa xirafa de trapo... Chrystyan Magic. Na senda da serpe alada, de Ana María Fernández e Xoán Babarro conta como Chrystyan, despois de estar "atrapado na torre" e saír vitorioso, continúa coa normalidade das ocupacións cotiás, pero sen esquecer as ensinanzas que lle transmite Bosco, o vello mago.  Un fogar para Estrela, de Ánxeles Ferrer, precioso álbum ilustrado que conta a historia de Fada e de Estrela, a historia das cegoñas, procurando a felicidade. Fada coida de Estrela, que aínda ovo, está igual de soíña que Fada. Unha sensibilidade estrema a que podemos apreciar neste álbum para cativos de oito anos en diante. Animalario, de Xosé Lois García e ilustrado por Suso Cubeiro e Xardín de Inverno de Ledicia Costas son as obras que completan a oferta de Everest. O primeiro, para nenos a partir dos seis anos vístese de poemas dirixidos aos lectores máis novos. Xardín de Inverno nace do drama da morte e é un canto ao recordo, á permanencia dos seres queridos máis alá da morte. Unha obra aparentemente sinxela pero cargada de sorprendentes xogos de léxico e impacto visual.
Pechamos o repaso ás editoriais cunha obra de Edicións Embora que xunto con Acuario, fermoso libro recensionado no souto, acaba de publicar Patente de Corso, pequeno dicionario de piratas, de Rafa Vilar e Gemma Capdevila, un fermoso álbum que debulla a fala dos piratas, os seus trebellos, as súas palabras do cotiá, un compendio de imaxinación feita lírica que sorprende pola súa creatividade, un marabilloso agasallo que podes atopar, como todas as propostas das demais editoriais, por un prezo único, sen gastar, un detalle que permanecerá no tempo e que se pode herdar.

Todos temos na casa un libro que nos completou como persoas. Este ano máis que nunca tes a oportunidade de agasallar cultura de noso, de apoiar o que nos fai diferentes, únicos, especiais, senlleiros. Tedes e temos todos a oportunidade de transmitir a nosa lingua e de apostar polo noso. Que os Reices vos traian de todo, e libros tamén!



Sem comentários:

Enviar um comentário