11.24.2012

Misterio, intriga e aventura!

Da man de Everest Galicia e da súa experiencia no sector do libro educativo, do plan lector, de proxectos pensados para acertar a cada idade e con valores e guiar na lectura propoñemos hoxe unha noite, unha aventura distinta para aqueles que gusten do medo, do risco, para aqueles que son atrevidos e arriscan.
Presentamos parte das novidades desta grande do sector.  E como clara aposta polos autores de noso, nace Misterio Resolto, da grande da LIX e creadora de espectaculares propostas Concha Blanco. A noveliña que nos ocupa está ilustrada por Andrés Meixide. Suso, o protagonista desta historia, é un neno coma outro calquera que vive tranquilo na súa aldea natal, que ten as mesmas preocupacións que calquera neno. Conta cun grupo de amigos e amigas cos que se divirte. O cura da parroquia tamén comparte con el momentos de lecer. O irmán máis vello preocúpase por el: é un rapaz moi querido; con todo, Suso é protagonista de certas vivencias, envoltas en misterio, que o desacougan ata que ao seu xemelgo lle achega a luz necesaria para explicar eses acontecementos.
Un relato recomendado pola riqueza léxica e expresiva, pola versatilidade e polo prezo. Dentro da Colección Punto de Encontro supón un magnífico agasallo para sorprender sen gastar (menos de dez euros).
Outra das propostas é Desaparizión de Pereledi (dous monstros actuais da literatura infantil, Pere Tobaruela e Ledicia Costas) e tamén ilustrada por Andrés Meixide para rapaces a partir de dez anos. Este relato cheo de orixinalidade, ao igual que Mortos de Ningures, conta a historia dun xornal, o Abecedario do que desaparece a letra ke. O "ke" esfumouse e ninguén sabe do seu paradoiro. Esta será a última desaparición? Algunha letra máis correrá a mesma sorte? E se chegan a desaparecer todas? Abecedaria está en perigo. Dakela, o máis experimentado e desleixado policía de Abecedaria, o detective Peirot, recibe unha orde prioritaria: remexer onde faga falta e investigar. El é un tipo peculiar ke sempre garda un ás na manga. E, ao seu xeito, intentará desenfiar este enigmático caso. O futuro de Abecedaria está nas súas mans. Un relato cheo de intriga que está escrito dunha maneira diferente. Orixinal, fresco e dinámico. Un mundo de letras desprazadas que de seguro che vai encantar. Cun prezo de oito euros que é case un agasallo.
E para cativos de oito anos, Everest Galicia propón unha liña renovada de libriños ilustrados. o Monstro das Profundidades, ideado por un dos grandes ilustradores: Manuel Uhía. Nunha pequena vila da costa galega, nos tempos da infancia dos teus avós ou mesmo antes, unha das dornas non volveu ao porto logo da xornada. Algo misterioso fixo envorcar a barca e Manolo perdeu a vida. Desde ese día, Noliño, fillo do mariñeiro desaparecido, non deixa de pensar na desgraza e teima por pescudar a causa da morte de seu pai. Un día que o avó saíu a pescar, pola madrugada, agochouse na dorna para lograr chegar ao caladoiro do naufraxio. O volume, que potencia a  imaxinación, conta cun glosario de terminoloxía mariñeira que fará dos máis pequenos aguerridos mariñeiros. As ilustracións coidadas deste volume son sen dúbida un valor engadido dunha historia fantástica ambientada no mariño noso, do seu traballo duro e do valor que atesouran cada vez que saen ao mar.
E por último falamos hoxe de O monstro do soño, de Alberto Urcaray. Anxo desexa ser escritor de maior e comeza a contar unha historia que, en realidade, é a súa, cos seus terrores nocturnos habitados por un ser monstroso, que vive fóra e dentro do soño. Un tema moi delicado e difícil de abordar. Referímonos ao maltrato familiar e á violencia de xénero. Hai temas que convén ir tratando desde cativos, axeitadamente á súa idade, para educar nenos e evitar as grandes lacras desta sociedade. Este exemplar, ao igual que a maioría dos contos que artella Everest Galicia ten un prezo moi apetitoso, xa que por 7,75 euros podes quedar coma un rei.
Calidade e prezo van unidos da man dunha editorial que sempre aposta por contar historias educativas, inclinñándose tamén por escritores e ilustradores galegos.

Merca cultura de noso!




1 comentário: