
Que tal estás?, de Anthony Browne é un álbum para prelectores na colección Tras os montes que é moi útil para traballar os sentimentos e os estados de ánimo. Con este libro, os máis pequenos aprenderán a expresar como senten, por medio de imaxes e palabras sinxelas: aburridos, contentos, tristes…
No álbum tamén se xoga coas cores, os tamaños e as figuras que minguan ou agrandan, amais das distintas tipografías (cursivas, palabras grosas, miúdas...). Moi útil para a docencia, pois os pequenos non son conscientes moitas veces dos seus sentimentos e arredor dos tres anos comeza a etapa de experimentación e coñecemento. Que tal estás? é a historia dun entrañable oso, un clásico da LIX universal cheo de cor.
Do mesmo autor e como novidade deste mes de novembro Kalandraka sorprende con Un gorila un libro para aprender a contar, toda unha explosión de cor e realismo divertida, orixinal e transguesora. Unha proposta que conxuga as ansias por saber cun sinfín de temas (ecoloxismo, respecto á diversidade, autoafirmación...) e a arte. Contando do un ao dez, este álbum para pre-lectores e primeiros
lectores é un axeitado achegamento aos números e aos animais da categoría dos primates. Anthony Browne representa tantos individuos como corresponde correlativamente coa cifra numérica. Son debuxos realistas e detallistas, nos que destaca o uso da cor e a expresividade dos simios, que transmiten
afabilidade, dozura, picardía, timidez... Nos seus rostros adivíñanse xestos e actitudes propios das persoas.
Así, a obra contén unha segunda lectura: coma outros animais, os primates teñen sentimentos. E malia que evolutivamente son os parentes máis próximos dos humanos, a supervivencia dalgunhas especies está seriamente ameazada. O autor e ilustrador implícase directamente na difusión desta mensaxe, cun autorretrato seu ao que segue unha ‘foto’ antropolóxica que reflicte a diversidade de razas e culturas de todo o mundo, coma un espello no que calquera lector/a pode verse retratado/a. Outro libro para prelectores dun dos grandes da literatura infantil que soubo ser visionario e un adiantado da época.
Acabado de sair de enriba da cociña de leña e aínda quente, Gatiño e a neve, de Joel Franz Rosell e Constanze v. Kitzing é unha historia tenra e chea de valores e empatía. Como o inverno chega, folerpa a folerpa, brancos como a neve, negros como o carbón. A amizade entre Gatiño e Conelliña é o paradigma da integración entre dúas especies que, como as persoas, poden ser iguais pero diferentes. Un precioso conto ilustrado maxistralmente e coidando cada detalle que nos amosa dous amigos enfrontándose aos seus problemas cotiás e procurando a mellor das solucións imaxinativas e xustas, equitativas, descubríndose e respectándose no divertimento. Un volume para pequechos a partir dos cinco anos que aborda o que máis lles preocupa aos país dentro desta sociedade individualista, que os seus fillos sexan capaces de convivir no respecto e sendo felices.
E de entre as novidades e para lecturas máis complexas e menos diminutas dous libros únicos e recomendables para os maiores:

dunha sociedade que inicialmente busca o coñecemento, o progreso técnico e científico, o benestar e un bo porvir, pero que nese tránsito perverte os seus principios, xera violencia e dominación dos fortes sobre os débiles. Dende o punto de vista estético, “Bandada” destaca polo simbolismo das ilustracións, grises, protagonizadas por toda clase de paxaros humanizados, representados cun extraordinario detallismo, en branco e negro. O xurado -coa editora e investigadora Felicidad Orquín e mais o ilustrador Xan López
Domínguez, entre outros- destacou o “virtuosismo” da técnica artística para conseguir imaxes dunha “extraordinaria calidade e forza expresiva”. O V Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado aposta por unha mensaxe de esperanza na que triunfe unha nova concepción dos valores como fonte de cohabitación entre iguais.
Rosa caramelo é outra das obras máis que recomendables da grande Adela Turín, ilustrada por Nella Bosnia e que Kalandraka Editora rescata do esquecemento. Nos anos 70 Adela Turín comezou a publicar en Italia a colección «Dalla parte delle bambine», que pouco despois editou Esther Tusquets en España co título «A favor de las niñas». Traducida a varias linguas, converteuse nun referente para
a coeducación e a igualdade. “Rosa caramelo” é unha das obras máis emblemáticas desta serie tan vixente e necesaria. Margarida e outras pequenas elefantas viven ailladas nun xardín de anémonas e peonias; o alimento para conseguiren un aspecto físico caracterizado pola cor rosa caramelo da súa pel,
que reforzan lucindo zapatos, lazos e colares do mesmo ton. Todas cumpren as expectativas dos seus pais e nais agás ela, que sofre os reproches dos seus proxenitores ata que estes desisten de que sexa coma as demais. Baixo esta historia fabulada subxacen cuestións como un superficial culto á imaxe,
ou a crítica a unha sociedade que predestina o futuro dos seus individuos e clasifícaos en función do seu xénero. Pero sobre todo, é un canto á liberdade, aderezado coas ilustracións de Nella Bosnia, que potencian a mensaxe do texto a base de figuras realistas e cores vivas.
Un relato grande que serve para potenciar a autoestima ao igual que a obra Artur e Clementina, de grande recibimento, e para pór en valor o rol feminino, erradicar os estereotipos sexistas e a discriminación, para cambiar mentalidades e construir un mundo mellor.
Este ano vai tomando nota do ronsel de obras que en Brabádegos che imos adiantando, pois lembra que á volta deste mes vén o Nadal. Este ano merca na túa contorna, foxe das grandes superficies e aposta polo comercio de teu. Este ano apoia o tecido cultural galego e merca libros, soños, palabras e imaxes!
Sem comentários:
Enviar um comentário