Xa chegan os magostos á Galiza, tradición de antergo, e os ourizos xa están ciscados polo chan. Toda a xente estivo a recoller castañas e asadiñas prestan moito para mitigar o frío. Xa hai que ir pensando en matar o tempo nas frías tardes de novembro cando saír ao exterior non é unha boa opción e, para calmar os folgos dos nosos bechiños, temos un ronsel de obras nos estantes das librerías, propostas xeitosas e con moita miga como as de Galaxia.
Á parte do disco María Fumaça, interpretado por Uxía, Sergio Tannus e Magín Blanco, entre outros; o hit deste outono e do que xa falaremos máis devagar e cara aos agasallos deste nadal, Galaxia aposta por completar a colección Audicontos e por brindarnos dous títulos novos da colección Os Duros da man de Miguel Anxo Mouriño e Dores Tembras.Así pois, Miguel Anxo Mouriño coa ilustradora Minia Regos artella As noces do arco da Vella. Unha historia linda na que Paulo, un cativo que ten a alma de cores fará unha marabillosa viaxe. Isto pásalle, a Paulo, porque os seus ollos son coma ás de bolboretas brincadeiras e porque ten a alma chea de alegrías e roibéns. Todos os nenos queren saber dos animais que habitan no monte, e esa fascinación que gardan, ha de ser aproveitada por nós para que aprendan a amar a terra dende cativiños. Un conto que transmite paz e amor pola natureza magnificamente ilustrado por Minia Regos.
E como Galaxia sempre aposta polos autores nosos, os que constrúen o maxín coas cousas de noso, O peizoque Roque, de Dores Tembras e ilustracións de Xosé Tomás é unha opción máis que recomendable para os pequechos que tamén fala de animaliños. Este peizoque Roque pescuda palabras polo bosque. Palabras que saben, que abrigan, que arrecenden. Verbas de luz e de música que alimentan a vida. Unha historia de aloumiños tenros dunha mamá cara aos seus fillos nun ceo inmenso de arrolos e de contos longos. O pequeno deles, O peizoque Roque, o simpático paxaro ideado por Xosé Tomás, de formas redondas e repoludas, vai á procura de palabras que en forma de poesía, serven para introducir os nosos pequenos no acolledor mundo lírica e enriquecer, ao mesmo tempo, o seu vocabulario: millo, estrela, xeada senfín, cóbrega...
Galaxia, unha das editoriais pioneiras no sector do Ebook e en edición de libros-CD e álbum-CD, é ademais, unha das editoriais galegas que máis se implica na adaptación de contos tradicionais por parte de autores e ilustradores consagrados. Para aqueles que non coñezades do que estamos a falar, invitamos desde o souto para que coñezades os Audicontos, que son contos tradicionais musicados e narrados que incorporan ademais do soporte tradicional do papel, un CD. Aos títulos xa editados con anterioridade como Branca de Neve ou A casiña de chocolate, nesta ocasión preséntase Xan o das fabas máxicas, adaptación de Xesús Carballo Soliño con ilustracións de Ana Santiso; e O labrador, a raposa e o lobo, adaptado por Xavier Senín e ilustrado polo gran Manuel Uhía. Dous contos tradicionais que contan por un lado a historia de Xan, un neno espelido e pobre que vive coa súa nai e que ten claro que algo hai que facer para non pasar fame e a historia dun home que estaba labrando unha veiga, pero o boi era un mangante e non quería traballar. Vendo que o boi non se movía, dixo o labrador: Se viñese o lobo te comese…!
Xa ves, un ronsel de obras lindas e feitucas, á vez que económicas e de noso, apostando polo tecido cultural galego se as agasallas, con valores e educativas... Aínda non te decataches de que os nenos andan cansos de tanto xoguete que rompe!...
Máis info: Galaxia ou en Audicontos.
En breve no souto dirémosche por que non podes deixar de mercar o libro-cd María Fumaça!
Sem comentários:
Enviar um comentário