
Neste especial Brabádegos dedicado a esta editora pontevedresa destacamos unha serie de volumes que foron vendo a luz ao longo do verán e que chegan ata a máis recente actualidade. Para aqueles que non coñecen esta casa cómpre salientar que son especialistas en Stop Motion, cousa que lles está a reportar moitos galardóns, xa que conseguiron facerse co Festival Internacional Brasil Stop Motion 2011 e máis recentemente foron seleccionadas tres curtrametraxes súas (A Grande viaxe, A pota que trota e A cousa que máis doe no mundo) para a Mostra Internacional de Cine de Animación da Baixa Fluminense en Río de Xaneiro, presentándose ademais noutros certames internacionais como o Japan Price 2012, que cada ano recoñece os mellores produtos educativos audovisuais de todo o mundo.

Chamou á porta:
Din-don! Din-don!
Non había ninguén.
Deixou a carta no chan…
… e baixou, baixou, baixou pola escaleira.
Esta acción repítena, co mesmo resultado infrutuoso, o zapateiro, o xardineiro e o panadeiro. Deste xeito, enriba da carta depositada ante a porta do cuarto piso acaban acumulándose un par de zapatos, un ramo de flores e unha barra de pan ata que entra en escena unha nena resolta. Do mesmo xeito que o resto de personaxes, a pequena sobe pola xa coñecida –para o lector– escaleira ata o tamén consabido cuarto piso. Unha vez alí, o relato dá un xiro inesperado, grazas á espontaneidade e picardía da pequena que resolve con graza e de inmediato toda a trama. A escaleira é un conto orixinal de Beatriz Montero que recrea a adquisición da linguaxe nos nenos de pouca idade. Cada chanzo é unha pequena conquista da súa mente. O carteiro, o zapateiro, o xardineiro e o panadeiro soben a escaleira e van deixando os nomes dos seus oficios e algúns obxectos ante a porta. Deste xeito, aprenden aos poucos novas palabras e conceptos. Con este conto, Beatriz Montero pretende espertar as capacidades intelectuais dos máis pequenos.Por iso, ten unha estrutura sinxela e repetitiva que facilita a memorización e o xogo de interacción. Cada oficio é un chanzo necesario na vida cotiá, e todos son igual de importantes. O panadeiro fai o pan para comer, o zapateiro arranxa os zapatos para camiñar, o xardineiro coida as plantas e as árbores, o carteiro reparte as cartas e conéctanos cos que viven lonxe. E como todos son igualmente importantes, todos fan o mesmo no conto: soben, chaman á porta, deixan un obxecto, e baixan a escaleira O relato é perfectamente comprensible a través das ilustracións. Basta con seguir as peripecias duns personaxes divertidos e con estilo propio aos que dá vida Raúl Nieto Guridi con “poucos aderezos” exogando simplemente co “lapis” e certas “texturas”. O ilustrador andaluz expuxo a narración visual como “un xogo” cunha posta en escena “divertida”.

Aquel ruído non paraba, e a señora Ramona colleu medo..
–Ramón...! Esperta, home!
O señor Ramón, por fin, abriu os ollos.
–Que foi?
–Anda alguén na cociña, Ramón!
O señor Ramón e a señora Ramona conta a historia de dous anciáns que viven xuntos e, ao escoitar un ruído, os dous levántanse da cama e camiñan cara á cociña. O son aumenta á vez que os seus medos, o que provoca que a súa imaxinación se dispare: Será un gato xigante? un crocodilo? unha serpe? ou quizais... un elefante?
Unha orixinal trama que fai que lle perdamos o medo ás cousas e que este non nos paralice. A autora é a mesma que a do conto anterior. Nesta trama os protagonistas serven para xustificar o comportamento ante o medo, cuxa idade fai prever unha reacción menos insegura e máis serena. Por iso é polo que resulta tan entrañable esta historia de dous avós medentos e das súas disparatadas –por improbables– hipóteses. Quen non se remexeu algunha vez? Quen non escoitou o "Quen anda aí?". As ilustracións son de Leire Salaberria e esta divertida historia non sería posible sen o “agarimo e coidado” que puxo no seu debut en OQO para dar vida a estes “dous avós moi simpáticos e curiosos”.
.jpg)
isto era unha moza
que, á falta de traballo,
botouse a andar en busca de fortuna.
No medio dunha leira
atopouse con Brazodegorila.
A moza díxolle:
—Queres vir comigo?
—Son libre —respondeu el—.
Nin obedezo xefes nin sirvo señores.
—Repartirémolo todo a partes iguais —dixo ela
A partes iguais escrita por Darabuc e ilustrada por Lina Žutautė é a historia dunha proposta xusta e equitativa, chea de valores, como adoitan ser os álbums de Oqo, ricos en valores, onde a moza recruta ao longo do seu periplo outros tres personaxes máis: Orellademorcego, Fociñodetouro e Ollodeaguia. Cada un deles cunha habilidade física especial e única. Nun principio, utilizarán as súas destrezas no beneficio do grupo e, finalmente, ao servizo de todos os habitantes dunha vila sometida á tiranía dun rei cruel, inxusto e mentireiro. Gonzalo García, Darabuc, decidiu recuperar e facer unha versión deste conto popular, un dos seus favoritos de neno, ao consideralo adecuado e “valioso” ante o momento socioeconómico actual: “permite reflexionar sobre as relacións de desigualdade entre os individuos na sociedade e desta cos seus


—Ola!
Chámome Octavio.
Gustaríame traballar no circo do fondo do mar,
pero os meus tentáculos son un estorbo:
non sei que facer con eles!
Estou farto de ser un polbo!
Así de choromicas se nos presenta Octavio, quen lamenta a súa condición de polbo e desexaría ser un golfiño para saltar e facer chimpacarneiros ou unha balea para botar c auga coa potencia dun gran salto. Este pequeno cefalópodo cobiza o que posúen os demais habitantes do fondo mariño e el non ten: a posibilidade de cambiar de cor coma certos peixes ou o afiado nariz dun peixe espada. Pola contra, detesta o que o fai diferente, único e especial: ter oito brazos. É importante que desde os primeiros anos da infancia, os nenos e as nenas coñezan os roles das persoas que conforman a súa contorna, tanto escolar como familiar (quen é cada un, a que se dedica...).
Isto permitiralles descubrir os coñecementos ou habilidades que son necesarias para cada unha das funcións que realizan. Á vez, tomarán consciencia de que non todas as persoas posúen as mesmas cualidades. Con todo, o que nos supón unha limitación para algunhas tarefas, fainos únicos para outras. Ser único e potenciar a imaxinación é o obxectivo de Francesca Chessa e o seu maxín.
Na próxima entrega de Brabádegos, nestes días, incluíremos a outra parte do especial dedicado a Oqo, con obriñas que chegan ao souto, composto por obras que se acaban de editar como O crebacabezas, Ovos duros ou a Colección Os cinco sentidos, acabada de saír do forno e moi recomendable para prelectores.
Sem comentários:
Enviar um comentário