6.04.2012

Princesas polas que loitar

Era unha vez un reino moi afastado cun rei tristeiro que tiña o ollar moi triste. Aquel rei chamado Frachipando artellou o seu mundo arredor dos seus soños de máquinas de tren e vías de xoguete. A súa paixón transmitiulla á princesiña que destronou a Córvulo, o arrepentido irmán que sentía envexa.
Queredes saber se conseguiu ser feliz?
Hai princesiñas que o que queren é que as bique un príncipe e así casar. Outras queren atopar un príncipe azul. Hai moitas e de moitas clases nos contos de sempre... pero o que non che hai son moitas princesiñas que o que de verdade busquen na vida sexa converterse en maquinistas de tren e saír ver mundo. Porque a Corte, toda chea de príncipes azuliños casadeiros éche ben aburrida...

Este contiño de Galaxia lese nun abrir e pechar de ollos, pódelo ler ti ou que cho lean antes de deitarte. Clara do Roxo artella un orixinal conto para cativos de oito anos en diante coas ilustracións de Manuel Uhía que completan á perfección un relato orixinal e singular. A autora potencia así a princesa que todos levamos dentro incidindo na idea de que a felicidade reside en que todos debemos loitar polo que en realidade nos gusta e nos fai feliz. Todas as nenas son princesas e deben construír o seu reino de felicidade. Ideal para autoestima. Ah e os príncipes deben tamén soñar con todo o que eles desexen, pois non nos debemos conformar con calquera cousa.
Un magnífico relato que reinterpreta os contos clásicos co seu castelo, rei, princesiña e príncipes azuis. Aínda non es a princesa/príncipe do conto?

1 comentário:

  1. Moitas grazas, lendo este espazo que lle dedicades á miña princesiña estou moi feliz.

    Apertiñas e desexo que todos acadedes os vosos soños.

    Clara do Roxo

    ResponderEliminar