A Manporquiño, Murrigato, Caracol Col e Murrato gustaríalles vivir aventuras como as dos personaxes das películas que ven no cine. E un día o seu desexo faise realidade. Grazas á aparición dun bastón máxico, iniciarán unha emocionante viaxe que os levará a cruzar o océano e chegar ata Australia, onde terán que atopar o xeito de regresar ás súas casas. Manporriño, Murrigato, Caracol Col e Murrato viven en Animalandia e van xuntos á mesma escola.
Se te aburres, como lle pasa a Manporriño, un porquiño rosadiño e mantido, non desesperes, a mellor forma de pasalo ben é facendo amigos e deixarte levar pola imaxinación.
Catro amigos Pillabáns é unha historia de animaliños para cativos a partir de oito anos ideada por dous monstros do infantil: Ramón Caride e Manuel Uhía. A senlleira Xerais presenta unha obra saborosa e totalmente adecuada para os nosos nenos botando man de dous xigantes recoñecidos por un traballo silandeiro nas nosas letras e dunha calidade inmensa.
As ilustracións de Manuel Uhía completan maxistralmente a tenra historia presentada por Caride, que sabe perfectamente que a estas idades é moi importante que o que se conte enganche para alimentar o hábito, e o que se narre, ademais, debe fuxir e contrarrestrar a violencia á que con frecuencia se ven expostos os nosos pequenos de xeito totalmente innecesario.
As aventuras, o misterio, a imaxinación e a cultura xeral deben ser os ingredientes empregados para que os brabádegos medren sans e rexos xunto cunha aprendizaxe rica en valores.
Catro amigos pillabáns podémola atopar na colección Sopa de Libros de Xerais ao prezo máis que económico de 9,30 euros. Debemos salientar que Xerais deseña as súas obras en función do que é aconsellable ler a cada idade e podemos acceder de xeito sinxelo a todos os títulos desta colección na súa web www.xerais.es, onde por outra parte están todos os autores galegos de prestixio.
Sem comentários:
Enviar um comentário