Entre as mans temos no souto unha obriña desas que toca o ceo coas puntiñas dos dedos. En cores cálidas e tenras transmite por si soa a dozura e o aloumiño dunha nai que arrola os fillos, dunha avoa que os cría e un tempo do que non deberamos de marchar. O tempo ao que se refire a obra Letras nos cordóns, de Kalandraka escrita por Cristina Falcón Maldonado e ilustrada por Marina Marcolin, fala de valores, de darlle a importancia que merece á familia, ás pequenas cousas ou ás grandes, ao amor. Evoca a nenez, a escola e o contacto inicial cos libros, a porta ao saber, o pasaporte a outros mundos imaxinarios que todos deberamos percorrer: “Flor xa sabe ler, di que as letras, que para min son uns debuxos moi difíciles de entender e de xuntar, son contadoras de cousas e que cando aprendes a ler é como se che contasen contos”.
Flor é a irmá maior de todos os que se deitan ao carón da mamá para roubarlle un aloumiño, para soñar canda a ela no paraíso das pequenas cousas que deben ter valor. No tempo desta crise absurda de valores os libros máxicos que nacen da tenrura axudan a conformarnos co que nunca debeu suceder, o esperpento do empeño, do desbaldimento. Hoxe máis ca nunca estar cos nosos, botarnos todos unha man e compartir ha de ser unha prioridade. A pobreza so habita nos corazóns espureos, porque a falta de medios non implica que non haxa un enorme agarimo entre todos nós. As ilustracións -sutís e delicadas- de Marina Marcolin, teñen
ese ton ocre e antigo das lembranzas. As estampas familiares realistas de gran beleza combinan con imaxes simbólicas e suxerentes nas que as letras do abecedario son o fío condutor.
A beleza habita en Letras nos cordóns, na súa máxica e tenra visión da infancia. Recomendadísimo volume para nenos de sete anos en diante da sempre exquisita Kalandraka.
Sem comentários:
Enviar um comentário