Acompañada polo seu papagaio Rodolfo e rodeada de toda a súa tripulación, a pirata Xiana suca os mares a bordo do Vagalume, o barco pirata máis chulo que viches nunca. Xiana é unha pirata singular, a única pirata no mundo loira que usa lentes e ten un parche nun ollo. Quen dá máis? É a proposta de Everest Galicia para cativiños de cinco anos en diante capitaneada por María Canosa e ilustrada por unha das nosas preferidas de Brabádegos, Noemí López. Se queres enrolarte nesta aventura e gozar dos textos de dúas das galegas máis prolixas da LIX, xa o sabes. Achégate a esta historia de valores transversais e poderás cruzar o océano na busca de mil aventuras, ver peixes de mil cores, baleas e illas desertas.
Toda a colección Ler e Vivir de Everest Galicia promove as historias que fagan soñar os nenos, educa en valores e ten como prioridade fomentar o respecto ao medio.
Sem comentários:
Enviar um comentário