
Queredes que os vosos brabádegos comprendan, lean e gocen co mundo máxico que todo neno debe ter? A solución radica na lectura diaria, no pasar dos días, semanas, meses.
Igual que non lles vale a roupa porque medran, algúns coma auténticos garabullos rexos, o vocabulario vaise enriquecendo aos poucos, de solás. Para que isto suceda a lectura á beiriña da cama é fundamental.
Como os papis e as mamis non sempre estamos todo o descansados que deberamos e a súa lectura (cando xa empezan a ter soltura) ha de ser por diversión, hoxe presentamos Contos para durmir, de Roi Méndez con ilustracións de Joaquín París na recomendada colección Árbore de Editorial Galaxia para cativiños de oito anos
en diante.
Hai contos que se contan para ir durmir pero, sobre todo, para ir soñar. Historias que veñen cheas de aventuras, de personaxes inesquencibles, de paisaxes, nunca mellor dito, de ensoño. Neste libro, Roi Méndez sorpréndenos cun mollo de historias que, ao xeito das vellas fábulas, van deixarnos a mente contenta e o corazón preparado para recibir máis e máis contos… ata que nos dea o sono.
Unha magnífica proposta localizada ao longo de todo o volume na cidade de Vigo, próxima a nós, dun autor tamén galego, de noso, protagonizada, entre outros, por un neno que vive no reino de KE-BO-NI-TO, unha ra de Santo Antón, o golgiño Plas-Plas, unha tartaruga chamada Kelo, gatos, nenos coma ti e unha sorte de animaliños.
Unha boa opción coa que marchar para a cama, educativa, pensada para a súa idade, sen contidos violentos e económica (10, 50 euros) e divertida.
Móllate e apoia as nosas editoriais!
Sem comentários:
Enviar um comentário