4.02.2012

Un conto para crear, un conto para recitar

A poesía é a alma da vida, das letras. É un tesouro agochado en nós que nos axuda a transmitir o que sentimos. É tamén fonte de vocabulario, de expresión, de dominio da linguaxe e axuda na dicción. Ata o momento existían ben poucas obras enfocadas ao traballo con poesía nas aulas e é esa a obra que hoxe imos recomendar.
A peza teatral Os poemas do río, de Cristina Corral Soilán e ilustrada por Aurora Cascudo Román está escrita en verso, e fala dunha xornada na aula dunha mestra. A profesora le co alumnado poemas que van compoñendo os rapaces e que lle van dando forma á historia dunha fraga de animais que tamén recitan: a lebre, as ras, os rtiños, o sapo don Heliodoro e outros animaliños da fraga.
Por outra parte tamén temos o alumnado composto por: Manuel, Rosalía, Maruxiña, Xabier e Laura, xunto coa mestra e o mestre don Saturnino.
Todos prestan especial atención á lectura de versos das poetas galegas (María Mariño, Rosalía de Castro, Francisca Herrera, Pura Vázquez e Filomena Dato) que acompañan a historia que se vai creando entre todos.
O obxectivo desta singular obra é conseguir que tanto os rapaces como os adultos se animen a escribir poesía, a poñela en común e a ler as autoras galegas.
Podémola atopar en Everest Galicia e é moi útil desde o punto de vista didáctico para traballarmos a pronuncia, prestixiando a lingua nos pequenos de cinco anos en diante, poñéndoos en contacto co mundo da escena e fomentando ademais valores transversais. Moi visual e divertida, con ilustracións a toda cor, posibilita que os nenos se solten e incentiva a súa creatividade.
Para os mestres e mestras é sen dúbida unha boa unidade didáctica, unha ferramenta ideal da que tomar nota e partir cara a outros eidos.

Imos hoxe facer versos
e leremos mil cantigas
que escribiron os poetas
con moitas verbas amigas.





2 comentários: