3.27.2012

Unha Historia por coñecer


Para pequenos a partir dos oito anos e para todos os maiores que queiran ter unha práctica guía na casa Baía Edicións presenta dúas obriñas que dan a coñecer a nosa historia e a historia da nosa lingua, cheas de retranca e fáciles de ler, recomendadas para unha visión xeral.
Neste caso non queremos que nos conten contos de cabaleiros alleos, preferimos o noso. Na Historia da Lingua Galega. Do latín ao acento de Burgos, trátase, ao longo das súas 60 páxinas ilustradas, a historia da nosa lingua.
É un libro de divulgación, cun enfoque humorístico e rigoroso, que, xunto ás ilustracións a dobre páxina e a toda cor, se fai de moi doada lectura, ademais de servir perfectamente para que contextualicemos épocas.
Estrutúrase arredor de doce períodos:
1) Que lingua falaban en Galiza antes da romanización.
2) A romanización.
3) A lingua de Galiza durante 700 anos.
4) Ao principio, lingua oral.
5) Conversión en lingua escrita.
6) A penetración do castelán.
7) Os Séculos Escuros.
8) A Ilustración.
9) O Rexurdimento.
10) O século XX.
11) A persecución no 36.
12) A lingua galega hoxe.

Un país sen memoria non é un país completo. Ata cando imos estar sen coñecer o noso, a tirar pedras, quitemos peito. Cando alguén vén de fóra o primeiro que lle chama a atención é o descoñecemento xeral da nosa propia Historia. Para sabermos o que realmente foi, para facelo dunha maneira divertida e amena, relacionándoo á par coa nosa xeografía a Historia de Galicia de Pepe Carreiro, Da vida nas covas ás acampadas nas prazas pode axudarnos e moito.
Pepe Carreiro, co humor que o caracteriza, fai un percorrido polos principais fitos da historia do noso pais: Que foi primeiro, o Paleolítico ou o Neolítico? Cando comezaron as primeiras rapas das bestas? Cando se construíron os primeiros castros? Que xeneral mandou as primeiras lexións de romanos ao noroeste peninsular? Foron os vándalos, os visigodos ou os suevos os que chegaron no século V? Quen foi o primeiro rei de Galicia? Onde se asentaron os musulmáns no ano 711? Que nobre galego morreu decapitado en Mondoñedo? De onde lles vén o nome aos Séculos Escuros? De onde viñeron o millo e as patacas? Quen introduciu a industria conserveira? Con que libro comeza o Rexurdimento de Galicia? En que ano se plebiscitou o Estatuto de Autonomía redactado por Bóveda? Que sucedeu no ano 1936 e cales foron as súas consecuencias en Galicia? Como se combateu en Galicia a ditadura? Ten Galicia goberno propio? Cal é a situación actual do país?
Todas estas preguntas atopan resposta a un prezo moi asequible e con tapas duras (10 euros o primeiro volume e 11,80 o segundo ).

Sem comentários:

Enviar um comentário