4.08.2012
Aloumiños que dar
E a poesía volveu cubrir todo co seu manto... O novo de Edicións Embora e da poeta Concha Blanco tingue todo de maxia. Luces, bicos e cores é unha explosión de imaxes ben fermosas e simpáticas realizadas pola ilustradora mallorquina Gemma Aguasca Solé que acompañan en perfecta sintonía os textos dese piar da literatura infantil que é a escritora de Lires.
As letras, dirixidas a primeiros lectores, son pequenas historias en verso que falan de papaventos, da cor gris, da gaita, dos bicos que se dan os golfiños, da princesa de negro que todo o cobre co seu manto de estrelas, do teatro e das flores, do vento soprón....
Preséntasenos un álbum coidado na forma que posibilita a interacción co neno, que amplía vocabulario e expande de forma infinita a súa imaxinación. Ao igual que outros títulos desta editorial ferrolá, como o recomendadísimo Sopra neste furadiño de Antón Cortizas e Leandro Lamas ou De que cor es ti de Luis Rapela e Spela Trobec, envolve todo o que toca no marabilloso mundo dos soños, da imaxinación, da creatividade, nese país inexplorado que converte a pais e a fillos en cómplices e en compañeiros de viaxe por sempre.
Se queres agasallar ben, acertar, neste mundo de dispendio e de xoguetes perdidos, ciscados ou esquecidos aposta por libriños coma este que farán que a súa pegada fique fixada na lembranza.
Publicada por
Brabádegos
à(s)
03:24
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no XPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Ola!
ResponderEliminarEncántanos o voso blogue!
Na nosa web podedes ver o noso catálogo para que leades os nosos libros incribles!
www.patasdepeixe.com
Parabéns e moitas grazas por facer este traballo tan necesario!