4.24.2012

Árbores que coidar

O baobab é o verdadeiro protagonista desta pequena historia chea de cor que é Árbores no camiño. Un cativiño chamado Karim pérdese na inmensa África e sobrevive con éxito axudado polas árbores que alí viven. Oqo Editora está detras desta marabilla de visión ilustrada. Régine Raymond-García decidiu escribir este libro ao regresar dunha viaxe a Burkina Faso. “Os seus habitantes fascináronme pola súa alegría de vivir a pesar das dificultades, e por sacar proveito da natureza dun modo intelixente”.
O continente descoñecido e cheo de sorpresas ten entre a súa flora a árbore da palabra, maxestosa árbore vermella que é o Kaïcedrat (Khaya senegalensis), baixo o cal se reúnen os sabios para tomar decisións. Por iso, seguramente sexa o primeiro que fala con Karim para axudarlle.
O baobab é unha especie tropical de África, utilizada como lugar de reunión. Ademais, é símbolo de resistencia, tolerancia, vida comunitaria, lonxevidade, poden chegar a vivir 3.000 anos, e o seu froito ten propiedades medicinais. O seu aspecto impresionante, hai especies que chegan aos 30 metros, confírelle un carácter protector, o que xustifica que no relato tanto a árbore vermella, como a palmeira e
a manga o escollan como idóneo para que Karim agarde pola súa nai.
Karim fai uso da natureza, da palmeira, da manga, de todo o que atopa para poder resistir, e el asume o papel da promesa de devolverllo todo cando sexa grande, de coidala.
—Estarás aquí cando sexa maior? –preguntou Karim.
—Se ninguén me corta, estarei.
—Aínda lles darás de comer aos monos?
—Se ninguén me corta…
—E daraslles lambonadas aos nenos?
—Se ninguén me corta… Vouche contar un segredo:
Unha grande aprendizaxe vital que achega valores, tolerancia e respecto.
Para a ilustradora Vanina Starkoff, traballar neste libro foi como facer unha fermosa viaxe polas terras
de Burkina Faso, lugar onde se sitúa o mercado que aparece no comezo do libro e que está inspirado
no de Banfora.
As ilustracións de Vanina Starkoff achegan calma, transmiten vida e felicidade, unha paleta de cores “saturadas, brillantes e alegres” en acrílicos sobre papel. No entanto, algunhas texturas e os debuxos en liña foron realizados con técnicas dixitais. A ilustradora organizou a cor segundo os estados de ánimo e as emocións polas cales atravesaba Karim. Deste xeito, predomina a cor amarela e a vermella para as escenas onde o pequeno se sente protexido, xa sexa polo amor e a compañía da súa mamá ou polo agarimo e a protección que lle brinda o baobab. Os turquesas, para a secuencia onde se atopa perdido e dialoga coa árbore vermella, a gran palmeira e a manga. A predominancia de matices rosados e alaranxados (próximos ao amarelo e ao lume) representan no libro o agarimo, a protección e o amor e incorpóranse para a secuencia onde Karim descobre o baobab e dialoga con el.
A Vanina Starkoff, a ilustradora, pareceulle interesante manter a morfoloxía real das árbores “para que os nenos poidan ver como son realmente”.
Unha obra que merece a pena polo que transmite e recorda Á Sombra dos Anacardios tamén na mesma editora. O respecto á natureza é o nexo común e vai dirixida a cativiños de tres a sete anos.



En Brabádegos opinamos que ás veces pensamos e repensamos os regalos tanto que a mellor opción non sempre é o xoguete. Desde Brabádegos sostemos que regalar un libro é, ademais de barato (este volume custa menos de 13 euros), enriquecedor. Os nenos non ven un álbum como algo dunha soa lectura, os nenos pensan, repensan, interpretan dun xeito, de outro, etc, o que fai que ese mesmo conto sexa unha experiencia que vivir unha manchea de veces. O mellor consello que nos atrevemos a dar desde este portal é que deixemos que o neno escolla e se non se decide el, escollamos nós o que mellor poidamos contar.
Ah, e lembrade que a mellor arma como pais que temos é a da improvisación e a da maxia. Invención sempre que se poida!!!

Sem comentários:

Enviar um comentário