3.21.2012

Nunca sentiches alguén espreitando detrás das túas costas?

www.baiaedicions.net
Quen non soñou algunha vez con vivir na época das espadas, dos reis, das meigas e dos fidalgos? A maxia, se a hai, reside n'O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira, que tira do prelo na Colección Meiga Moura, publicada por Baía Edicións, unha obriña ambientada na Galiza na idade media e na actualidade dirixida a nenos a partir dos 12 anos. A aposta da autora céntrase sobre todo en aproveitar as preferencias do público para ofrecer un punto de vista máis enxebre da nosa visión do mundo dos espíritos e da bruxería, ofrecendo como base unha lenda moi próxima a nós, a da Aldea Maldita de Abuín, (tratada con anterioridade por escritores da importancia de Castelao -Cousas-), centro de interese de escritores e xornalistas de todas as épocas, na que, non obstante, ninguén chegou a afondar. O alento nas costas narra en dúas localizacións temporais que se unen a historia de Xoel, Mireia e Inés.
A novela comeza cun soño estraño de Mireia, xornalista dunha revista esotérica de Madrid. O soño transcorre nunha aldea preto do lugar natal da protagonista, na Idade Media. Ten a sensación estraña de que o personaxe dos seus soños lle quere comunicar algo, polo que, aproveitando a encomenda da realización dunha reportaxe, retorna á súa aldea dez anos despois de marchar, apremada por un problema de drogas.
Nas ruínas da aldea aparéceselle o espírito do protagonista dos seus soños, Xoel, un nobre da época medieval. A partir deste momento, relátanse paralelamente a historia de Xoel e a vivencia de Mireia despois do seu retorno: o reencontro coa irmá e mais a familia, por unha banda, e cos vellos compañeiros das drogas, por outra.
Ambos os dous mundos quedan conectados a través dos soños e dos misteriosos encontros entre Mireia e Xoel. No primeiro dos mundos, o da idade media, os protagonistas loitarán por mimimizar o impacto da fame prognosticada pola vella e procurarán unha reliquia que salve a vila. No mundo de Mireia o contacto co mundo das drogas volverá presentarse cando a familia de Mireia se vexa seriamente ameazada por uns narcotraficantes.
Queredes que os vosos mozos se divirtan e entreteñan?
A escolla dun bo libro que os distraía fundaméntase non só nunha boa historia, con aventuras, na que os mozos se sintan reflectidos, senón tamén nos valores transversais que se extraen dela. Natalia Carou Figueira propón con acerto o tema das drogas (tan próximo na adolescencia e na mocidade) para tentar facerlles comprender aos mozos dos perigos que agocha ese mundo. Así mesmo, esta novela é totalmente recomendable polo uso que fai das técnicas narrativas, con saltos temporais, e destaca pola riqueza de vocabulario (ler un libro cun dicionario para mirar as palabras que descoñecemos é fundamental).

Sem comentários:

Enviar um comentário