3.19.2012

Música para ler

Almanaque musical de Antonio Rubio, con ilustracións de David Pintor é desas xoias que completan unha boa biblioteca. Cada mes vese acompañado por un poema e unha magnífica imaxe que caracteriza ao prolixo debuxante David Pintor, coñecido entre outros pola súa visión de Compostela.

O libriño, de especial feitura, contén doce poemas, un para cada mes do ano, nos que o fío condutor é a música clásica, cos intérpretes dunha peculiar orquestra de instrumentos de corda.

Os versos de Antonio Rubio evocan o tempo, o pentagrama, a batuta, a ritmo de valse e alalá, sinfonía, tocata e romaría.

Cos seus inseparables violíns, violas e violonchelos, e elegantemente conxuntados, os músicos que retrata David Pintor adoptan posicións e situacións divertidas, fóra do habitual contexto dunha sala de concertos. Uns de aparencia humana e outros do reino animal, forman un grupo fantástico que para si quixeran os mellores compositores.

O álbum complétase cunha relación escrita de pezas dos grandes da música: Vivaldi, Bach, Mozart, Beethoven, Mendelsshon, Brahms, Chaikovski, Sibelius, Prokofiev, Alban Berg, Béla Bártok, Boccherini, Haydn e Dvorak, que conforman o repertorio ideal para amenizar a lectura poética e visual.

Unha delicia para os cativos de sete anos en diante, pero sen lugar ás dúbidas, unha peza sublime tamén para os maiores aos que lles guste a música. Coa axuda dun maior serve para que os introduzamos no mundo dos refráns e ditos populares que falan do noso: os gatos á xaneira, a chegada dos meses, os maios...

Só unha chata: podía vir acompañado dun CD, mágoa de carecer del para bordalo.

Sem comentários:

Enviar um comentário