3.19.2012

A arte de escoitar

Coa volta da chuvia neste tempo toliño volven a nós as novidades de Kalandraka. Esta editorial caracterízase polo exquisito coidado na edición e, desta vez, propón tres volumes maxestosos. A primavera trae, ademais de novidades, o recoñecemento para o libro gañador do IV Premio Internacional Compostela de Álbum ilustrado, A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto, que acaba de ser incluído na prestixosa selección The White Ravens 2012, que organiza a Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic.

A relación completa de libros de diferentes países integran esta lista de honra presentarase o vindeiro 21 de marzo na Early Birds’ Hour, no marco da 49º Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, na que son moitas as editoras galegas que van participar con expositores propios.



No tocante aos libros que presenta como novidades destaca O artista que pintou un cabalo azul, que é unha homenaxe ao pintor alemán Franz Marc (1880-1916), precursor do expresionismo. O seu cadro “Cabalo Azul I” serviu de inspiración para este libro de Eric Carle, que descubriu a obra deste pintor a través do seu profesor de arte, Herr Krauss, cando o réxime nazi prohibía a creación e a difusión desta vangarda pictórica e cultural. Precisamente, as cores son as protagonistas principais dun contiño para prelectores (aqueles nenos que aínda non saben ler) que a modo de pictograma se vai facendo con todos nós e nos introduce na arte.

Unha vaca marela, un crocodilo, un león verde e miles e miles de posibilidades se sentamos cos nosos pequechos. Se é posible e temos tempo, espazo e roupa vella a man sería ideal que completasemos esta proposta cunha boa dose de pintura de dedos de moitas cores. Se hai xente que non experimentou aínda direivos que a actividade é tan linda que sorprenderemos os nosos cativiños atentos para non mesturar cores, non pintar por riba do xa pintado e en plena construción de múltiples soños con arroaces, árbores e gaiteiros.

Sem comentários:

Enviar um comentário