2.01.2018
Despois dunha cegadora luz verde esmeralda
Chegou ao souto a nova entrega dos Megatoxos, a serie precursora da nosa LIX para mozotes preadolescentes e adolescentes. Anxo Fariña, escritor e ilustrador desta serie, comezou esta saga de aventuras alá polo ano 2007 na editorial A Nosa Terra. Coa cuarta entrega, Os megatoxos e a cara oculta da Lúa (2011) en Xerais, revisa e volve publicar con esta editorial as tres aventuras anteriores Os Megatoxos e o aprendiz de druída (Xerais, 2012); Os Megatoxos e a espada esmeralda (no 2012) e Os Megatoxos e os Templarios da Luz (Xerais, 2013).
Lonxe de quedar aí, e con aproximadamente 20000 exemplares vendidos dos primeiros libros (incluímos os publicados na desaparecida A Nosa Terra), a saga prende con forza na rapazada e publica a quinta entrega Os Megatoxos e o dragón de xade, inspirada na cultura manga.
Hoxe presentamos Os Megatoxos e a batalla de Rande, acabada de saír do prelo. Os catro mozos, os protagonistas, que acoden ao instituto, volven ter que compatibilizar as clases, coa súa dobre vida. Ruxe, Faísca, Ninfa, Lúa e os xemelgos descobren nesta aventura que existiu un galeón que non figuraba nos rexistros da historia da batalla que tivo lugar o 23 de outubro de 1702 nas augas da ría de Vigo. A Frota de Prata, composta por españois e franceses, tratou de defender o ouro que ía nos seus galeóns de ingleses e holandeses. Este galeón, O Indomable, portaba unha arpa capaz de cambiar o curso da historia. Cres que poderán alterar o noso presente?
O que caracteriza a serie precursora e máis lonxeva da nosa LIX, a esta nova entrega, volve ser unha prosa áxil e ben construída, ateigada de riqueza expresiva e, sobre todo, dos valores da amizade, a pertenza ao grupo, o poder do amor. Trátase dun discurso temático renovado, apetecible, para unha franxa de idade moi difícil de atraer, sen paternalismos, sen artificios innecesarios. Este volume, xunto cos outros, achega á nosa literatura un engadido de normalización do idioma, dun produto máis que necesario para a dignificación e renovación da nosa LIX. Anxo Fariña tamén se ocupa das ilustracións da saga, do poder da imaxe que acompaña os personaxes, a lapis e acuarela. No souto somos fans de Quetzalcóatl, a serpe emplumada, o fermoso, a xema dos ciclos, a divina dualidade, o erro e o acerto, movemento e a pausa. Non che apetece saber que foi do Indomable?
No souto recomendamos toda a serie deste autor, Anxo Fariña, g
añador do premio Merlín no 2011, por A chave da Atlántida e do Frei Martín Sarmiento, e por ser un autor que ademais achega contidos curriculares sen que se note de maneira maxistral.
Para rapazolos afoutos a partir de 5º e 6º de Primaria, para todos os públicos que queiran ler.
Publicada por
Brabádegos
à(s)
01:44
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no TwitterPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário