4.19.2018

Tres das grandes polo grumo do embigo


Chegou ao souto Cara de velocidade, primeira incursión na LIX  da escritora, poeta e xornalista Marga Tojo, coas frescas e coidadas ilustracións de María Hergueta. A obra, editada por Kalandraka, está premiada co Premio de Poesía Cidade de Orihuela e baixo a nosa modesta opinión é, desde o punto de vista temático e formal, unha revolución, un pisar de acelerador, para poñer cara de velocidade. A protagonista indiscutible é unha superheroína, a voz poética dunha pequena que  converte o cotiá nunha aventura, nun mundo máxico onde o poñer soa unha chaqueta, o abrigo para ir á escola, a dota de superpoderes. Cada poema, cada verso, é unha homenaxe á proeza deses progresos de autonomía persoal, á relación coa contorna próxima, a eses pasos pequenos especiais que todas as nais saúdan.  Un mundo máxico, ese que ninguén debe abandonar aínda que medre, ese concibir a vida como un rebulir de chisteiras é o que atrae. Comer no comedor, cear co avó, a hora do xantar con vasos que se derraman e animais que abrollan entre o puré de patacas, os monstros que adoptamos cando superamos os medos, a fauna da M-30, a selva urbana, a improvisación, a música como terapia para dragóns... todo é unha recompilación de lirismo que nos fai superheroes e superheroínas, especiais, para facer da vida estrelas que semellan bolboretas e que podemos apañar aínda que se nos escapen.

Todo este poemario, sorpresivo e orixinal, lingüisticamente perfecto, coidado, cunhas magníficas ilustracións, que poñen cara de velocidade e de superheroína, serve para que elaboremos unha receita caseira, como no poema, e collamos un pixama calquera (os e as maiores tamén), engadamos unhas bragas ou calzóns calquera, con axuda dunha toalla ao vento, con antiface incluído, e poñamos cara de auténtica velocidade. 


Superrecomendado para traballar a lingua, os animais, o cotiá, a autonomía persoal, a autoestima e, sobre todo, para soñar




Sem comentários:

Enviar um comentário