2.06.2017

E ti, que familia tes?


Brabádegos abre o 2017 cunha proposta máis que interesante de Hércules Ediciones, un álbum ilustrado entre as novidades de decembro, xunto con O oso e o piano, que recensionaremos en breve. Trátase de En familia!, de Alexandra Maxeiner e Anke Kuhn, tradución de Rosa Marta Gómez Pato,

un libro diferente e que sen dúbida ningunha, actualiza o concepto de familia. É unha máis que recomendable opción para todas as nenas, para explicarlles como é a sociedade actual, como se compoñen as familias fuxindo da perspectiva tradicional de só papá e mamá, desde antigo ata a actualidade. Serve e é moi útil para que comprendan que hai familias monoparentais, familias separadas, familias onde hai dúas mamás, onde hai dous papás, onde hai irmáns e irmás de distintas nais e distintos pais, avós, avóas, tíos e tías, onde hai gatos, cans, nenas pequenas ou madrastras... Ademais non queda aí, tamén aborda as singularidades propias de cada familia, de cada núcleo, os seus cheiros, as teimas, os costumes, o que nos gusta, os hábitos. É un libro do que se aprende, real, que axuda a explicarlles ás´máis pequenas que non todos nos levamos ben, que aínda que debera ser así, polo ben sobre todo da convivencia, ás veces hai roces, desencontros. Actualiza familias explicando como eran antes, como hai nenas de pais separados que teñen dous mundos, dous cuartos, dous chuvasqueiros, dous pares de todo, indaga tamén no mundo dos xemelgos, dos trillizos, dos quintillizos, de irmáns que veñen seguidos, daqueles que teñen irmáns maiores, de como nos parecemos nos talentos, ou de como podemos asemellarnos ata nas dedas dos pés, de como hai maiores que sempre foron maiores e ata a nós nos custa saber cando foron nenos.

As ilustracións de Anke Kuhn profundizan con certa irreverencia nese matiz divertido e festivo de achegamento á familia moderna, á familia que se contrúe na actualidade por distintos membros, son esas ilustracións as que guían maxistralmente ás nenas na procura de información nova, de verse reflectidas no álbum, identificados e sorprendidas, coa complicidade de descubrir o mundo cos seus ollos.
É unha das mellores propostas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en Alemaña, para coñecérmonos, para que se coñezan, divertida, lúdica, diferente e fresca, e sobre todo, educativa, por iso no souto a recomendamos para todos os centros, educadoras, pais e nais, para todos os públicos. Sempre tranquiliza saber que a túa familia non é tan rara como ti pensabas, que ese concepto que ti pensas que é 'raro' é simplemente especial, como todo en ti, único e especial.

Sem comentários:

Enviar um comentário