2.13.2017

O poder de imaxinar


Matilde, de Sozapato (Sofía Zapata Ochoa) é unha das novidades deste mes de febreiro en Kalandraka. Un álbum ilustrado en orixe (sen texto), editado en tapas duras e en pequeno formato,

onde a imaxe é a protagonista principal. Sozapato é unha ilustradora destas de referencia, que leva máis de dez anos no mundo editorial e que despuntou nos seus principios por Colorín Colorado, o seu primeiro libro como autora integral, seleccionado para representar o Ecuador na Listaxe de Honra do Ibby 2014.

Desta volta e sen desmerecer outros traballos da autora, no souto cremos que estamos diante dunha desas obras sublimes onde o poder da imaxe é quen de transmitir perfectamente a maxia da infancia, do ser cativo, da imaxinación que se debe atesourar e potenciar para medrar felices. Nesa guerra entre o plano gris, cargado de crítica social (o estrés, a perda da imaxinación no mundo adulto, a rutina...), destacan o creador e a cativa, capaces de tinguir de cor (a vermella como predominante) unha dimensión de xogo, de fantasía, non exenta de perigo se non a controlamos, A dozura, ese espertar curioso, ese pintar nas paredes incontrolado nesas idades, son outras das cualidades deste marabilloso álbum ilustrado que, lonxe de morrer cando logramos poñerlle couto ao dragón, deixa as portas abertas á imaxinación. É esta, ademais, toda unha homenaxe á profesión, á ilustración en si mesma, a todos eses lugares de traballo onde a creación, onde a imaxinación e a fantasía agroma.


No souto recomendamos esta marabilla, que cuestiona ese cotiá triste e gris de non fixarse na natureza, de educar para ser ovellas, de andar pegados ao móbil, de non ler e de non sentar a pintar coas nosas nenas, de non sorrir, para poder así crear adultos e adultas distintas, para poder gozar de ser maior.


Sem comentários:

Enviar um comentário