De cando en vez, chegan alfaias ao souto, libros máxicos que nos fan recordar a infancia, que cumpren á perfección co cometido de fomentar a lectura e de facer dos libros un todo marabilloso co que nos encandilar. Hoxe facemos unha pequena recensión de A meniña de libros, editado por PatasdePeixe de Oliver Jeffers e ilustrado maxistralmente por Sam Winston. A tradución corre a cargo de Laura Sáez e Saleta Fernández, a tipografía está deseñada por Óscar Villán e as paisaxes tipográficas, deseñadas por Sam Winston, están encaixadas e adaptadas por Diego Núñez. Nada do que aquí falemos desta fermosura de álbum ilustrado dará fe da grande labor editorial desta nova editorial galega.
A meniña de libros conta a historia dunha cativiña que procede dun mundo de historias, que flota sobre as ondas da súa imaxinación, por mares de palabras, que reivindica ese mundo máxico e que nos recorda que existe un paralelo, o da fantasía, que non debemos esquecer. Cargado dun gran lirismo, poética pura do contar, camiña e transita polos contos de fadas, de monstros, castelos enmeigados, nubes de cancións, polo espazo enteiro e berra ao vento que o mundo é noso, que podemos contar mil historias guiados pola chave da invención.
As ilustracións, todo o que ten que ver co seu deseño, é simplemente un xogo visual precioso de letras, de magníficas imaxes, un baile de cores, tenrura e amor.
Recomendación do souto.
Sem comentários:
Enviar um comentário