3.11.2016

De todos os guerreiros, o capitán Maimiño!


Ao trote e saltando outros chegou O capitán Maimiño, escrito por Antonio M, Fraga e ilustrado polo grande Manel Cráneo en Ala Delta azul de Tambre. No souto namoramos del, poucas veces lemos libros tan interesantes, namoramos dese universo tan ben descrito por Antonio M. Fraga, un creador inquieto en plena efervescencia creativa, dese toque gamberro que lle dá non sempre a un narrador-cómplice coa cativada . Este mes tamén editou Tártarus, que xa comentaremos (estamos a piques de o rematar), en Xerais.


O capitán Maimiño é, sen dúbida, un deses libros acaídos para que as nosas nenas namoren del, de fácil lectura, para que se enganchen a esa dinámica de ler e de soñar tan necesaria nestes días para evadirmos da excesiva competitividade, para afastar esa agresividade implícita que nos rodea en forma de desafiuzamentos, problemas económicos, políticos que repercuten nas nosas cativas e, sobre todo, desa galopante falta de empatía que nos mergulla no individualismo.

O capitán Maimiño, a partir dos oito anos, é un deses libros que agocha na liña discursiva valores transversais necesarios como o do ecoloxismo, a autoaceptación, tamén a que ten que haber por parte dos nosos pais asumindo roles intercambiados (falsos roles exteriotipados), ese feminismo real, o non conformismo e loita, a creatividade, a maxia... Ese maxín desbordante descríbenos un capitán Maimiño aguerrido, afouto, dinámico, excesivo nun coportamento marcial esperpéntico, que mistura a partes iguais admiración, reverencia, temeridade con surrealismo, cabezonería, inxenuidade e unha dose altísima de covardía persoal.
O capitán Maimiño é o xefe dos exércitos dun rei preguiceiro e larpeiro, Pousafoles V, que ten un aquel de badoco, certa ordinariez asociada pola súa vagancia, contrastando co cargo que ocupa (todo un clásico da monarquía europea). O capitán Maimiño vanaglóriase da lenda que o persegue, é o seu leitmotiv, dese dedo en alto desproporcionado que o distingue, cheo de simboloxía, representando as cualidades que todo guerreiro e personaxe lendario debe ter. Pola contra, sente vergoña, propia e allea, sen renunciar a ser un bo pai, deses fillos, Belleco e Chinchanamoca. Belleco é o contrario dun guerreiro, unha alma desas libres, en perfecta harmonía coa música, coa delicadeza, superado pola agresividade e a guerra. Chin, Chinchanamoca, non é ese ser doce, moza delicada, futura muller de bordados espectaculares que todo nobre quere conseguir. O mellor da novela é precisamente a construción feminina deste personaxe, dos personaxes, das súas personalidades, do que nos transmiten. Redunda nesa idea global de que temos que aceptarnos, por como somos e non polo que se agarda de nós, de que cómpre que nos acepten por como somos en realidade, de como queremos ser, da nosa liberdade individual de escoller fóra de roles, sen coutarnos.


As ilustracións de Manel Cráneo, un dos grandes da nosa LIX, son espectaculares, a carbón, alucinantes na súa profundidade. Reflicten á perfección a imaxinativa prosa de Antonio M. Fraga dotando o lector dun realismo propio dos debuxos animados. Son imaxes que constrúen un universo para soñar en días, semanas, que invitan as cativas para que continúen a historia, para que imaxinen un capitán Maimiño protagonista no campo de batalla, de días de vagar canda o cogumélico anano Chuculú. Chin e a súa irreverencia, a natureza, o amor polos animais, a espigada torre onde dorme a familia, o peideiro dragón Fedorento. Unha creatividade manifesta a de Manoel Cráneo que convida a ler, a debuxar, a namorar dos libros.   
No souto poderiamos falar máis do libro, da súa temática, pero consideramos que a maxia reside en saber, en buscar o que se esconde nas follas dos libros, así que se alguén ten curiosidade, alguén sente curiosidade, debe ler o libro para saber o que lle sucedeu ao capitán Maimiño. A idea de que a verdadeira valentía non radica en elixir o camiño que nos trazan ao nacermos (a sociedade e os nosos) é un motivo polo que consideramos esta obra recomendadísima para soñar, para voar, para medrar crendo en que nós podemos cambiar o futuro comezando por loitar, por non nos conformar. Ideal para as aulas de Primaria, para fomentar a lectura.

Sem comentários:

Enviar um comentário