Hoxe falamos dun álbum ilustrado editado por Xerais, Para onde imos cando desaparecemos? de Isabel Minhós Martins e ilustrado por Madalena Matoso.
Xerais mergúllase, cunha tradución moi atinada de Anair Rodríguez, no formato álbum ilustrado botando man dunha parella de artistas lusas con moita experiencia ás súas costas e que son garante de calidade. Isabel Minhós xa atesoura títulos en Kalandraka como Ovelliña dáme lá ou P de papá, tamén en Oqo Editora, con Os mil brancos dos esquimós, formando parella coa mesma ilustradora. Madalena Matoso tamén é unha das grandes e conta con títulos como Maxia! ou Quen roubou a lúa? entre outros, A importancia deste volume ten moito que ver co feito de que exista un tipo de álbum ilustrado situado na vangarda da ilustración que provoca que texto e imaxe camiñen á par incidindo sobre aspectos que provocan reflexión na infancia. Planeta Tangerina posúe ese selo único que converte a ilustración non nun satélite que complementa o texto senón no texto en si co poder único da imaxe. Cando as cousas desaparecen, cando nós mesmos desaparecemos, cando a todas nos desaparece algo ou alguén, algo que queremos, que precisamos, ese oco baleiro convértese nun mar de dúbidas, en ansias de saber onde foi, que é o que pasou, como, cando, que... A neve que derrete no inverno, a nada que se a enches esvaece, as pozas de auga, a xente cando dorme, as pedras fronte ás follas...
Todas esas dúbidas inexplicables que sorprenden cando unha pícara de ollos curiosos nos aborda, como se foramos nais e educadoras quen de explicalo todo, todas esas dúbidas poden artellar un libro cheo de cor e intensidade con predominio de liñas rectas, vermellos, amarelos, negros e verdes turquesa, gatos que dormen no alto da cama, namorados plantados con ramo e todo, coches aparcados na beira da estrada xunto a árbores de pónlas imposibles, peixes en caldeiro, barcos case-somerxidos nun mar bravo e imposible...
Desde o souto saudamos esta aproximación á vangarda por parte de Xerais, saudamos que unha das nosas grandes editoras se atreva a apostar por un texto que non é unha porta, é unha fiestra que se abre, unha ferramenta útil para achegar o espirito crítico ás nosas crianzas, para seguir a preguntar, para fomentar o feito de cuestionarnos a realidade, para incentivar a curiosidade do saber desde a infancia. Moi recomendable para pensar, para mover a nosa propia reflexión e para fomentala nas nenas. Un libro axeitado tamén para explicar ausencias dunha maneira suave, sen formular a perda en exceso, para ver as pozas doutro xeito ao camiñar.
No souto cremos necesaria tamén unha aproximación ao mundo portugués, para nutrírmonos de puntos de vista diferentes, tanto en galego coma en portugués e así facer trilingües ás nosas pequenas, sen esforzo, con amor.
Sem comentários:
Enviar um comentário