3.22.2016

Con M de Mauro


Nesta sociedade insensíbel ás guerras que provocan o éxodo maxivo de familias enteiras, con meniñas indefensas a chorar mentres unha Europa vergoñenta ofrece paus en troques de abrigo e de aloumiños, é preciso educar en valores. Educar nas aulas é combater violencia, é ofrecerlles un futuro mellor ás nosas nenas e nenos, é construír unha sociedade diferente.
Pere Tobaruela volve dar no cravo con Cinco horas con Mauro, editada por Edicións Embora e ilustrada con total mestría por Andrés Meixide que, a modo de máquiniña de videoxogo, comprende perfectamente a estrutura da obra, o discurso narrativo frenético e vertixinoso creado polo autor. A historia de Mauro, rápida e orixinal, flúe desde as primeiras páxinas e, trata, desde unha perspectiva cativa, o problema do bulling escolar.
Facendo unha chiscadela coa obra de Miguel Delibes a novela conta como Mauro é un neno de dez anos que vai á escola e que sofre a panda dos P. Os P de Pesadelo (a súa letra inicial de nome empeza por pe), son pequenos da súa mesma idade que o acosan no cole. Farto desta situación e de que os maiores non lle fagan caso, escapa do cole durante cinco horas e inicia unha aventura por un barrio marxinal. Alí, nesa voráxine que a penas comprende, vivirá unha tarde completa, horas de anguria, con medo e con curiosidade, experimentará a prolongación da súa desesperación, a desesperación de non verse comprendido, de verse con medo, e desde a súa inocencia, lidará cos problemas dunha sociedade enferma e perigosa. Grazas á unha señora vella vestida estrafalariamente, con roupa de cores  rechamantes e unhas lentes moi  brillantes que parecen feitas de purpurina, sálvase dobremente. A súa fada persoal faille comprender que para que os problemas se solucionen non pode ocultar nada, non pode fuxir, ten que contarllo ás persoas máis próximas, enfrontarse aos seus medos, contalo todo, para poder poñer fin a esa situación.

Noveliña ideal para atallar ese problema de violencia, para evitar problemas e situacións perigosas para elas, para que os nosos pequenos mozos entendan como se pode sentir alguén que sofre este mal endémico da lei do máis forte. A personalidade de Mauro é unha das mellores construcións de personalidade infantil que limos no souto. A novela trata o tema desde unha perspectiva suave, comprendendo a diferenza entre ser trasto e pasar esa liña que vulnera o respecto que debemos ter cos demais. As ilustracións dese grande que é Andrés Meixide, en cor amarela e negra, entenden e sorprenden ao reflectir á perfección ese xogo que se converte en acoso cando un di non.
Recomendada para a segunda etapa da Primaria, para nenos que len autonomamente e para explicarlles que a realidade non é tan idílica, que debemos botar man de pais, nais e educadoras ante algún problema deste tipo.


Recomendación do souto.

Sem comentários:

Enviar um comentário