3.25.2016

Ao pé da sobreira

Se hai algo que fai maxistralmente Kalandraka é educar por medio dos seus contos. Esa perspectiva educacional non só queda nas mensaxes que transmiten os contos que nos propoñen, senón nese labor de editar aos poucos, os clásicos da historia do Álbum ilustrado Infantil Universal.


O volume que hoxe presentamos, A historia do touro Ferdinando, de Munro Leaf e Robert Lawson
editouse por primeira vez nove meses antes da Guerra Civil Española e estaba pensado para facer reflexionar sobre a forma en que os seres humanos tratan e empregan os animais e como se agarda que nos comportemos en sociedade. Claramente é unha crítica á tauromaquia e aos valores que transmite. Abrolla nun tempo no que outra figura da literatura como foi Ernest Hemingway se dedicaba a ensalzar a 'festa nacional', a virilidade e afouteza dos toureiros, do home valente. Este volume é un toque de atención, é  unha chamada no tempo para espertar, toda unha alegoría pacifista que se traduciu a 60 linguas e que Hitler mandou queimar. Preséntasenos un touro, un espírito libre, un animal desprovisto de maldade, que goza da natureza e da súa condición. Tamén se nos mostra o home, a mal chamada virilidade, a esperpéntica concepción de que o home é máis home por desangrar, facer sufrir e matar un animal. Toda unha mensaxe na época para a paz, de perspectiva de esquerdas, rompedor nun Estado como o español. Un libro que foi prohibido en  moitos países, xa que rompía coa concepción masculina da época e representaba unha chamada ao espertar, á liberdade que representa ese touro, Ferdinando, que quere vivir en liberdade, que se opón dun xeito pacifista á morte, deixando o toureiro, os bandeirilleiros en ridículo, ridiculizando esa tortura animal que camuflan baixo palabras coma valentía, afouteza, 'hombría' e, sobre todo, baixo esa falsa e espúrea concepción de arte.
Leaf escribiuno dunha tacada e nunha soa tarde, o ilustrador Robert Lawson concebiu un touro forte, fermoso, en branco e negro, e uns toureiros e banderilleiros espigados, que rozan o ridículo, nunha sorte de parodia que só remata con Ferdinando en liberdade e a praza ao lonxe. Para curiosidades en 1938, Walt Disney Company adaptou o volume en unha curta que gañou un Óscar.


A adaptación de Kalandraka, na colección Tras os Montes, esta feita por Xesús Fraga con mestría. cunha escolla da linguaxe atinada, achegando léxico, resaltando aínda máis a presenza da natureza, dese paraíso no que vive Ferdinando e reforzando o papel de todos os animais na obra. Kalandraka é fiel á primeira edición e recupéraa na nosa lingua para facernos soñar cun álbum ilustrado, para educar na paz e no respecto ao medio.



Unha obra atemporal para educar na paz, ateigada de valores, valente,  unha obra recomendada para todos os públicos, cun magnífico alegato para a infancia e contra a tortura animal. Unha obra que serve para combater na escola os prexuízos, a asignación errónea de roles na sociedade, ideal para potenciar o eu de cada meniña.

Sem comentários:

Enviar um comentário