3.30.2016

Cociñar defunto


Chegou ao souto Esmeraldina, a pequena defunta, precuela de Escarlatina, a cociñeira defunta. Unha precuela é aquel relato que nos conta o que sucedeu antes. Non sei vós pero Escarlatina, esa figura que lles encantou aos rapaces e á crítica, así de en por si soa, xa provoca curiosidade. Nós desexabámola con gañas. É unha desas obras que todas esperabamos para ver se a xenialidade discursiva da obra que arrasou no panorama galego, nacional e internacional,
Escarlatina, ten continuación. Ledicia Costas e Víctor Rivas volven logralo sen dúbida na colección Merlín de Xerais. Esmeraldina, a pequena defunta conségueno maxistralmente cunha historia que cativará de novo. Se Escarlatina tiña un papel de coprotagonista ou de protagonista secundario á par que a figura do esperto Román, nesta ocasión é a protagonista principal e absoluta, iso sen esquecer a arácnida e simpática Lady Horreur. A característica principal de Escarlatina, a de desdramatizar a morte, a de achegar unha proposta divertida, culinaria, cúmprese tamén. Esmeraldina é a nena que dá orixe a Escarlatina, os mortos, aqueles que pasan a mellor vida, adoptan o nome da causa do seu deceso. Neste ir e vir de orixinalidade, de imaxinación desbordante, do deseño de dous mundos, propóñensenos personaxes mortas como o regreso de Nicotina, Tormento de Area, a marabillosa Sibilina, o tenro indio das frechas cravadas, o home decapitado sobre o cabalo en chamas... e persoonaxes vivas como Amancio, A Tremenda, o pai e a nai de Esmeraldina, a escorregapantasmas e o seu espelido neto. Todas elas teñen o labor de convencernos, de meternos de cheo na obra, de provocar empatía, de desexar o ben para Esmeraldina, de provocar o riso e a curiosidade a partes iguais. Notamos nesta obra pinceladas poéticas de altura (textos de prosa poética maxistralmente construídos), valores, contidos didácticos (explicación da vida no Salvaxe Oeste, nocións culinarias, achegamento ao mundoda parapsicoloxía...), descricións precisas, riqueza léxica, e unha trasversabilidade ateigada de humor, de irreverencia, necesaria en toda a obra que a fai sublime.
As descricións, o cotiá da familia de Esmeraldina, a súa personalidade, ese carácter que é mestura trazos de tenrura e de rebeldía, de inconformismo, fortemente testalá, inxenuo, con tendencia involuntaria á desfeita todo fúe, todo fai que nos atrape, que nos gañe, que nos rindamos ante ela e desexemos e nos riamos das trasnadas que lle fan xustiza a un Amancio caciquil, ditador e paleto.

As ilustracións de Víctor Rivas son espectaculares, poñemos as mil caras espectrais de Esmeraldina/Escarlatina, gozamos na viaxe en dilixencia de cabalos cunha Nicotina espectacularmente deseñada, viaxamos polo pantasmahotel da man dun indio marabilloso, cociñamos da man da Tremenda, alcanzamos o clímax cun cabalo en chamas, simpatizamos con cada un deses detalles de altura. Con Esmeraldina, a pequena defunta atravesamos paredes con facilidade, flotamos en cada estancia, tememos, sentimos. Parabéns a Ledicia Costas, a Víctor Rivas, a Xerais, xa que volven conseguir, a pesar das reticencias propias que no souto temos ás precuelas e secuelas, que aprendamos, que gocemos, que queiramos deixar os que nos queren sen dor, que optemos por levalos sempre no corazón, que transitemos sen dor e con alegría ao Inframundo, que queiramos máis Escarlatina, máis Esmeraldina e, por suposto, máis para ler, para seguir rindo.


















Recomendación do souto para Primaria, primeiro ciclo de Secundaria, recomendación para enganchar na lectura, para ler adultos, para pais e para nais. Volve ser espectacular, volve ser a novela do ano.

1 comentário:

  1. Ola:
    No meu blogue O recuncho das fadas tedes un premio esperándovos. Merecédelo!!! Espero que vos guste.
    http://orecunchodasfadas.blogspot.com.es/2016/03/novo-premio.html
    Un abrazo.

    ResponderEliminar