2.17.2016

O neno máis listo. Teño os pés perfectos



No souto non nos damos resistido ante unha poza, a invernía viste os nosos pés con katiuskas, metémolos nas pozas, incluso nos mollamos e, ao chegares á casa, quitamos todo o que nos oprime, ao caloriño do quente da casa, e gozamos da sensación do contacto coa madeira. Mamá castiñeiro berra cando pousamos sobre a fría plaqueta da cociña, nós fuximos, quedamos pampos mirando para as dedas, xogamos entre nós, medímolos e facémonos cóxegas con eles.
Os pés, os nosos pés, adquiriron unha dimensión extraordinaria des que lemos Teño uns pés perfectos, de María Solar, ilustrado por Gusti e editado por Kalandraka.
Melchor Sabichón é o neno máis listo da escola, da vila, do planeta. Desde pequeno sentiu unha curiosidade enorme, grandísima, xigante. Era tanta a súa sabedoría que, cando o chamaron do concurso de televisión Na busca do neno máis listo, púxose moi contento. Canda a Melchor, Isidro Todosabe e Raquel Requetelista como concursantes, vai participar ilusionado ata que lle cae en sorte como tema Pés. Que sabe el dos pés? Que sabemos nós dos pés? Que importancia lles damos? Que se pode saber dos pés?


María Solar consolídase unha escritora de LIX e volve sorprender pola súa temática cargada de orixinalidade e enxeño. Este, probablemente, sexa un dos libros máis interesantes do ano pola perspectiva, desde o punto de vista didáctico, pola extraordinaria e desbordante imaxinación da autora e pola súa estrutura, disposición e valores. Os pés, un elemento físico sobre o que descargamos o peso do corpo, un elemento lúdico para os pequenos, que nos achega un mar de sensacións, é o punto de partida para construír o saber, para darnos información sobre cálculo, sobre o antigo Exipto, para saber quen é máis rápido, para saber aspectos da humanidade...
Melchor Sabichón é un neno deses listos e intelixentes, esperto, ese cativo curioso que todas levamos dentro, esa nena que hai que fomentar entre os rapaces e as rapazas para que o día de mañá sexan mulleres e homes de futuro.
Un dos aspectos máis salientables deste volume de tapas duras ilustrado polo veterán Gusti é as mil portas do saber que abre, un libro dentro doutro libro, cun emprego metaliterario e exquisito do saber. Trátase dun libro divertido, que loita contra a competitibidade, que establece e recoñece o esforzo e a humildade. As ilustracións, de Gusti, con predominio dun rosa laranxado ou dun laranxa arrosado, achegan un toque irreverente, rebelde, cómico, gamberro, case restando importancia a ese saber, ese outro saber competitivo e innecesario.
Aprender non é memorizar, non é facer fichas, é reflexionar sobre o que sabemos, desde o físico, desde o cotiá, até un universo que se expande. Imprescindible para recoñecer que non sabemos nada, que todas temos carencias de aprendizaxe que podemos subsanar.
Recomendámolo totalmente no souto e convidámosvos para que lles botedes un vistazo aos vosos pés!

Sem comentários:

Enviar um comentário