Hoxe no souto falamos dun libro-cd editado por Galaxia hai uns meses, A bruxa Discordia, con ilustracións de Iria Fafián e da autoría de Mamá Cabra con Carmen Gil. O formato do libro-cd non é outro que o de conto e as músicas contan as peripecias da bruxa Discordia, unha bruxa-cativa que é adicta ás olivas e que soporta un proído que a fai ser malvada. A bruxa Discordia gosta de guindar as garabuñas das olivas coa lingua, por iso as come todos os días, despois, máis tarde, sente a necesidade de facer o mal, de lanzar esconxuros para que os bechiños que viven no fondo do mar non compartan, non xoguen e pelexen. A fada Margarida faille ver que non é mala, que non é alérxica á paz e bota un contrafeitizo que a conducirá á paz.
A bruxa Discordia é ademais de conto, unha recompilación de 12 cancións para a paz, destacando neles valores, comportamentos axeitados. Inserida na colección Sonárbore, que reúne os títulos máis representativos da historia do libro-cd, forma parte da magnífica traxectoria do grupo musical Mamá Cabra. Mamá Cabra era xa un referente na música na nosa lingua cando se sumou ao formato do libro-cd con títulos como Ola, ola, la!, Todo natural, Xa me tardan estes Magos, Bicos de Música, Cartas que veñen e van e Estación Nadal. O que caracteriza as letras deste e de todos os traballos da formación é a magnífica achega de valores e de vocabulario. Neste caso, na Bruxa discordia, achega un enfoque de respecto cara aos demais. Cando os nenos son pequenos tenden a consolidar ese meu que indica propiedade e somos os pais e as nais os que temos que incidir na necesidade de socializar, de compartir, de poñer paz para gozar do positivo que isto supón. Estas letras inciden niso e por iso podemos botar man deste traballo, que é para todos os públicos e en especial para os máis pequenos, para traballar de forma lúdica nos ciclos de Infantil e no primeiro ciclo de Primaria.
As ilustracións de Iría Fafián transmiten á perfección a discordia, o pelexar, a irreverencia da pequena bruxa, os proídos... reflicten á perfección ese espazo mariño, a sabana, cun predominio dese verde oliva que engloba todo o álbum ilustrado.
Boa opción para o día da Paz, para que @s peques aprendan vocabulario cotiá e deixen voar a imaxinación, para que compartan e formen equipo!
Sem comentários:
Enviar um comentário