2.11.2016

Encher as mans de sal



Un dous, tres, catro e cinco... no souto damos brincos, celebramos a chegada de Edicións Lafragatina ao noso mundo. Estreamos con sabor a mar, aínda que nestes días ande afouto, cheo de ondas que impoñen e sacoden a nosa costa. Unha mirada aos meses de verán, un galano de mar, os días eternos de praia, os xogos na area, esa sensación de liberdade que experimentamos as nenas cando chimpamos as ondas. Falamos dun álbum ilustrado fermoso, visual, profundo como o mar no que se inspira, trátase de Un día no mar, de Paula Carbonell, á que recordamos por traballos como Un can e un gato e Buscando o Norte ou A viaxe das bolboretas en Xerais, é un deses álbums ilustrados que conxuga á perfección texto e imaxe. O poder das ilustracións é de Marjorie Pouchet, autora tamén de Moito Conto ou Oso atrapabolboretas.
A historia de María, unha cativa inquieta, é a dun día de praia canda os seus pais. Xogando coa area a pequena encontra un frasco cunha mensaxe dentro: «SOS. Necesito axuda e axiña». De modo que María, toda curiosa, mergúllase no océano para saber quen lle manda esas palabras entre as ondas. As buguinas, as lilainas, a brisa mariña, o texto rimado fainos cómplices dun relato doce e misterioso.


Ve un frasco que flota
e contén outra nota.
Unha, dúas, tres...
ti tamén o les!


Trátase dunha obra que conxuga furnas, caramuxos, algas, acuarios e sereas, doas perladas, tesouros mariños e sobre todo.... moito cariño.
Un texto que achega léxico, lirismo, que visualiza o mar da man da profundidade das ondas. Un álbum espectacular cremos nós, cunhas ilustracións perfectas, sublimes, con detalle, destacadas en tons pasteis con predominio dos turquesa e dos vermellos; unha marabilla visual pola que camiñan as buguinas e as algas, voan as gaivotas e pululan frascos con mensaxes.
A dozura, a aparente sinxeleza e o marabilloso evocar de cando as nenas xogan, cando se volven croquetas de area, os tesouros que podemos topar, caranguexos e peixiños incluídos, fan deste volume unha magnífica opción para ensinar, para ir ao detalle e, sobre todo, profundar na lectura cos máis pequenos.


Recomendación do souto.

1 comentário:

  1. Me encanta.....Vouno compartir, co teu permiso........A ver se son quen de facer un enlace.

    ResponderEliminar