Andrea Maceiras sábeo, a gañadora do Premio Jules Verne de Literatura xuvenil 2015, é un valor seguro á hora de apostar por un libro que nos guste. A súa narrativa nunca defrauda, é case doutro planeta, xa que a pesar da súa xuventude, tórnase un valor seguro de entretemento, de garante de que imos saborear gorentosamente o que nos ofreza. Para quen non o saiba, a autora (1987), vangarda da nosa LIX, atesoura numerosos recoñecementos, cun estilo diáfano, citas textuais enriquecedoras, contidos e atardeceres de cores, que cegan polo sol ao ritmo das abellas.
No souto sabemos cando un libro é bo por moitas cousas, mais hai unha que fai que destaque polas outras, cando lemos un libro e observamos que é para todos os públicos, cando calquera o pode ler e ficar atrapado por el ata o final. A LIX non deixa de ser literatura, unha literatura difícil de artellar, xa que ademais dunha boa historia, e esta éo, ten que reunir valores, ten que formar, ten que encher de coñecemento e facer soñar.
Este libro, Europa Express, dentro da colección Fóra de Xogo, con ilustración de capa de Antonio Seijas, trata dunha viaxe en Interrail que marcará as vidas de sete raparigos, trata do salto que se produce despois de rematar os estudos, de que será deles no futuro, un futuro determinado pola traxedia, unha traxedia que agocha o misterio dun fatal desenlace e que provoca desacougo, incerteza, intriga e pánico. As personaxes dialogan consigo mesmas e nós imos coñecendo a través de saltos no tempo o acontecido. A novela empeza suave, lixeira, un chisco lenta incluso, mas engancha até o final. Todas queremos saber das circustancias que provocaron a morte de Xacobe, todas nos poñemos no lugar de Aroa, experimentando a calma que producen as flores, as abellas, o viveiro... Todas nos debatemos entre a culpabilidade e a absolución xa que todas empatizamos con ela, con esa luz cegadora que é fermosa pero doe.
Marabillosamente contruída, de descricións exquisitas, facendo un uso perfecto do flash back, envolve o lector e faise cómplice con el, confidente, incluíndoo como un espectador máis da realidade, da verdade da causa da morte de Xacobe, da curiosidade que pode liberar a Nico, Bea e, sobre todo a Aroa.
Recomendación do souto.
Sem comentários:
Enviar um comentário