1.11.2016
Versos nas rochas pintados con pincel
Abrimos o ano, despois dun merecido descanso natalicio, falando de Palabras do mar, de Antonio García Teijeiro e Xosé Tomás publicado por Edicións Embora, un luxo das nosas letras este tandem e, sobre todo, Antonio García Teijeiro, un peso pesado da nosa LIX, un referente no ensinar das letras, da didáctica da poesía nas aulas. Palabras do mar é un poemario en formato álbum ilustrado e tapas duras, unha alfaia, que forma parte dunha triloxía poética constituída por En la cuna del mar, Palabras do mar e outro volume que aínda está sen editar e que levará por título Poemar o mar. Chéganos como diálogo co mar, empregando unha linguaxe poética precisa e clara, limpa coma unha onda poética, como aproximación ao mundo da poesía, coma un convite a xogar coas palabras para crear de modo aparentemente sinxelo un universo submarino tan ben captado polas ilustracións doutro grande, Xosé Tomás.
O mar éche un soño
que tiven de neno.
Un soño que sinto.
Un soño que lembro.
O mar que me mira
cuns ollos inmensos,
ás veces ve moito,
ás veces é cego.
Desde o inicio establécese un xogo intertextual de elementos do mar, mesturando bicos tenros, solpores entre os piñeiros, buguinas, ondas de coral ou sereas farrucas cun ronsel de estruturas poéticas. A linguaxe entre lector e autor bota man, entre outros, dunha copla, dunha cantiga de berce, dun desexo ao revés, de haikus ou de case un limerick (é unha forma poética formada comunmente por cinco versos cun esquema de rima estrito: AABBA). Ese diálogo lúdico que establece Antonio García Teijeiro e ao que só se atreven os grandes, esténdese á concepción global da obra grazas a Xosé Tomás. Ese mar, con peixes de ollos desproporcionados, formas redondas, pailebotes de papel, golfiños que saltan lúas minguantes ou cabelos infindos de nenas que nadan ao revés, vólvese sublime tornándose toda unha lección de literatura con referencias a outros que lle dedicaron palabras e versos preciosos ao mar: Neruda, Manuel María e Rafael Alberti.
O azul do mar
está a rir
está a rir ás gargalladas.
No souto somos admiradores de Antonio García Teijeiro, recomendamos a súa obra en conxunto como unha oportunidade formativa para aqueles que queiran ir máis alá, para os que queiran facer atractiva a literatura, para xogar nas aulas ou na casa coas nenas e para expulsar esa concepción errónea de que a poesía é difícil ou innecesaria.
A poesía dótase da imaxinación das cativas, desa imaxinación de galano que as pequenas atesouran en por si cando ven na lúa un plátano ou nas pozas lagoas, cando as palabras brillan máis alá das imaxes, de aí, da súa maxistral concepción da lírica e da súa didáctica, é todo un referente, alguén ao que seguir no seu Versos e aloumiños, alguén que nos nutre dunha perspectiva necesaria, máis alá do idioma, trátase dun mestre da palabra, alguén que coa súa sensibilidade contaxia, alguén que envolve as palabras de brisa para poder soñar.
Recomendación do souto.
Publicada por
Brabádegos
à(s)
03:00
Enviar a mensagem por emailDê a sua opinião!Partilhar no XPartilhar no FacebookPartilhar no Pinterest
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Ola:Acabo de dar con este blogue e paréceme do máis interesante por todo o que se mostra nel. Fágome seguidora do mesmo para estar ben informada sobre LIX.
ResponderEliminarInvítovos a visitar o meu: http://orecunchodasfadas.blogspot.com/
Se vos apetece seguimos en contacto. Un saúdo.
Anabel García.