1.19.2016

Audaces viaxeiros. Jules Verne e o seu mundo!


E seguimos a falar de Jules Verne, desta vez das súas viaxes, As viaxes fantásticas de Jules Verne editado por Baía Edicións nunha adaptación de Claude Carré ilustrada por Éric Puybaret e traducida por Ánxela Gracián. Un volume que reúne o mellor Verne que na súa época se converteu en millonario e famoso, nada que ver co tempo actual, onde os que se xubilan non poden nin escribir. As súas novelas íanse publicando por entregas na revista Hetzel. Este volume reúne Cinco semanas en globo, A volta ao mundo en 80 días, Viaxe á Lúa, Viaxe ao centro da terra e 20.000 leguas baixo os mares (obra que podemos tamén atopar na mesma editora na colección Grandes Clásicos Adaptados, unha colección moi visual e recomendable en álbum ilustrado para as pequenas). Antes de publicarse como libro as novelas de Verne aparecían por entregas na revista de Hetzel, Magazine d'Éducation et de Récréation.
Este volume, que ten tapas duras, preséntasenos como unha recompilación, vémolo necesario por ofrecérmonos unha edición coidada, en galego e de ilustracións moi fermosas, modernas, unha publicación que faltaba ao noso entender, unha boa obra editada especialmente ideal para ler varios días e varias veces. Formalmente a tradución de Ánxela Gracián é perfecta, achega riqueza á narrativa imaxinativa de Verne con creatividade, empregando léxico descritivo, adaptando a obra á nosa cultura, facendo un bo uso das comparacións.
Cinco semanas en globo conta a aventura de Samuel Fergusson, Dick Kennedy e o servente Joe por África, un desafío aéreo que lanzou no anfiteatro da Real Sociedade de Xeografía de Londres. O exotismo desta novela, os inventos e a modernidade na época atraparon o lector, como atrapan os lectores xa autónomos desta obra.
A volta ao mundo en 80 días é outra noveliña de aventuras, de aventuras por mor dunha aposta do británico Phileas Fogg e do seu axudante Jean Passepartout, constituído en por si coma un referente na literatura de finais do século XIX e principios do XX. O poder creativo de Jules Verne, a caracterización dos personaxes, a forma de reflectir a sociedade finisecular e ese contraste entre dous mundos, o explorado e o inexplorado, o moderno e o tradicional (de costumes e xerarquías) marabilla aínda hoxe.
Viaxe á lúa, Viaxe ao centro da Terra e 20.000 leguas baixo aos mares son un delírio imaxinativo tal que adiantanse no tempo, son historias futuribles e formarán parte do maxín común de moitas xeracións. Luras xigantes, monstros, tiburóns, países exóticos ben pagan a pena para fomentar a imaxinación entre os mozotes e para ler, sobre todo para ler historias que nunca caducan e perduran no tempo.
As ilustracións, con predominio dos azuis, invitan a poñerlle luces e profundidade á aventura.




Sem comentários:

Enviar um comentário