1.22.2016

Compartir peniscos das verdes fentas

Hoxe presentamos un dos dous volumes que, case coincidindo co deceso do escritor e referente das letras, Xosé Neira Vilas, publicou na recta final do 2015. Cantarolas, editado por Kalandraka, é a reedición dunha obra feita por Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas. A muller de Neira Vilas, o seu grande amor, marcou substancialmente a súa vida, Anisia, xornalista e educadora (fixo estudos de Maxisterio) foi determinante na Fundación que leva o seu nome e tamén na súa obra. Vinte anos despois da súa última versión impresa, as “Cantarolas” de Anisia Miranda e de Xosé Neira Vilas son reeditadas da man de Kalandraka. Cantarolas preséntasenos renovada e coas marabilhosas ilustracións en cores vivas de Leandro.

A primeira edición fíxose en Xerais e é todo un clásico da literatura infantil e xuvenil, xa que o autor (tamén a autora) constitúe un dos precursores da LIX. O valor da obra de Neira Vilas á parte da marabillosa harmonía formal do texto é tamén polo carácter normalizador deste. Cantarolas recórdanos a outro grande precursor da LIX como é Manuel María en Os soños da Gaiola, escritor patrio ao que se lle dedican as letras do 2016. Dicimos que nos recorda a Os soños na Gaiola, xa que na súa temática trátanse a modo de poema animais (Formigas, Tres bolboretas, Historia dun grilo...), fenómenos atmosféricos e elementos da natureza (O vento, O sol, O río, Chove, O piñeiro...) e cousas do cotiá da nosa cultura (O subiote, Lerias, Ferreiro...). Como é un deses libros pioneiros, foron moitos os que musicaron as súas cancións e na páxina web da Fundación Xosé Neira Vilas podemos ver unha mostra de temas compostos e interpretados por músicos galegos, inspirándose nestes versos na páxina da súa Fundación. Se por algo destaca esta edición, na que volvemos gozar cos poemas, facendo uso da arte menor e da copla tradicional, é, polo léxico, polo selo e a fachenda do noso ser, polo agarimo que Neira Vilas e Anisia puñan en todo o que facían, por ensinar tan ben, dun xeito tan didáctico que é sermos galegos, a morriña, os carreiros do noso monte, os animais, as profesións. As ilustracións de Leandro Lamas engaden aínda máis profundidade ao texto, á harmonía de aparentte sinxeleza que atesouran os versos, expresando ao seu xeito musicalidade. As cores e as formas tan características deste ilustrador saen do texto con predominio de verdes, rosas, laranxas, azuis e vermellos e convértense en bolboretas que dan voltas ao regueiro, soles que se agochan entre as nubes ou xoaniñas que gostan da natureza en mañás raioleiras. 

Indispensable para entender a nosa LIX, ideal para traballar nas aulas de Infantil e primeiro ciclo de Primaria.

Sem comentários:

Enviar um comentário