9.14.2015

Rola a roda do muíño

Volvemos as do souto polo tempo das castañas, achegándonos xa aos magostos e próximos ao Samaín. Nestes meses de verán aproveitamos para descansar e para ler e, se podemos, encheremos cada semana cun libro publicado nestes meses.


Hai un par de meses saíu do prelo o Libro-Cd que hoxe temos o gusto de destacar, xa que se trata, coidamos nós, dun traballo necesario de recuperación da nosa identidade, alén doutras propostas musicais de lecer. Trátase de Traca-Traco, editado por Edicións do Cumio, de Paco Rivas ilustrado por Alfonso Otero Regal, e no que participan Víctor A. Castro, Moncho Díaz, Juan Carlos García Rega, Laura Blanco de la Barrera, Lino Rico, José Trincado, Ángela Castro, Carme Vázquez, María Dolores Fociños, Njala Shami, Montse Ogando Miro Casabella,  e Seso Durán entre outros máis. 
Paco Rivas, filólogo e escritor de recoñecido prestixio ligado á radio, idea un libro-cd que sobresae polo carácter antropolóxico dos textos e da música, é dicir, artella un libro-cd de memoria, da memoria pedagóxica necesaria, esa que aos avós xa logo van esquecendo e sitúanos na tradición, nas cancións de berce, nos arrolos e nas cantigas de nanar.
Pensado para todos os públicos vai especialmente dirixido para aquelas casas nas que hai pequenas, naipelos aos que lles hai que cantar. O valor lingüístico do texto como moi ben sinala Alonso Montero no prólogo contribúe e enche un oco na transmisión xeracional da nosa lingua ademais de afianzar notablemente as tradicións de noso. 
O libro-cd conta, como di o subtítulo, con 24 cantigas de Nanar, un aloumiño e un arrolo
. Introdúcesenos na alma co Eu cantar cantar cantei, prefacio do autor, no que explica como sentiu a necesidade dende moi novo de comunicarse co mar, como lle cantaba e como, a partir, dese momento soñou nel a necesidade de cantar, de arrolar, non só as nenas, senón tamén os paxariños, as vacas, as galiñas...
Traca-traco está composto ademais musicalmente ao xeito tradicional, trae as partituras e achega, para traballar na aula, material musical de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, xa que ao abrir o CD no ordenador, podedes atopar 21 bases musicais sen voz para cantar sobre elas e 12 partituras de arranxos Orff co instalable do sofware que permite a súa visualización. 
No souto estamos totalmente de acordo co mencionado no prólogo por  Xesús Alonso Montero : "Se existise no noso organigrama gobernamental a Secretaría Xeral de Delicados Asuntos Poéticos, ese organismo o apoiaría coas mellores razóns literarias e a proposta que se fai en favor dos cantos de nanar, unha alfaia no seu xénero" 

No rolo que arrolo
no meu arrolar,
xa dorme no colo,
xa empeza a soñar
o meu picariño,
ó son dun nanar.



Sem comentários:

Enviar um comentário