Cando no souto recibimos este libro temos que confesar que a priori agardabamos unha boa obra abalada polo feito de ser premiada e pola calidade dos autores. Antón Cortizas é todo un referente na nosa LIX, cunha obra maxistralmente acompañada da imaxe e da palabra, do xogo de ambas. Leandro Lamas é un referente no país como pintor, cun estilo que namora polo seu enxeño. Os dous, este tándem perfecto, artella unha obra sublime, perfecta, e o que é mellor, coa que se ensina a xogar, a voar, a recuperar espazos coa nosa lingua, espazos lúdicos desprazados por outra lingua e por unha sociedade sedentaria e exposta desgraciadamente cada día máis á televisión.
Nesta obra de tres actos xógase co público desde o primeiro minuto, os gatos combaten o aburrimento dunha nena que non sabe a que xogar, fornecéndonos de lengalengas, xogos de palabras, rimas, maxia para construír o xogo. Maxín gatuno que na parte final borda en ouro ao darnos, agasallarnos, un cuarto acto opcional cun decálogo de como xogar en todos os recreos da Galiza, en todas as aulas de lingua, en todas as aulas de música, nos nosos parques, con seis xogos e seis partituras: O gato e o rato, O gato no regato, O can e o gato, As abelliñas do mel, Xogo do Miquiño, Quen lle pon axóuxere ao gato.
Isto era unha vez un gato
que tiña rabo ao revés,
vouno contar outra vez.
Isto era unha vez dous gatos
que tiñan os pés de trapo,
que tiñan o rabo ao revés,
vouno contar outra vez.
Isto era unha vez tres gatos
que tiñan as meas de través,
que tiñan os pés de trapo,
que tiñan o rabo ao revés,
vouno contar outra vez. (...)
Unha obra que recomendamos por orixinal, por divertida, por fornecer de maxia e xogo, cunhas imaxes ilustradas marabillosas, por levarnos da man como canda eramos nenos e por ser necesaria para traballar nas aulas e na vida. Todas as profes de música, todas as profes de lingua e todas as docentes ás que lles guste innovar, xogar, ilusionar e gozar co que fan deberían botarlhe un ollo, nós no souto témolo claro. Sublime!
Co teu permiso fixen unha ligacon co meu blog La Torre de los Sueños Esmeralda......me encanta.
ResponderEliminar