Hoxe no souto facemos xustiza e recensionamos unha obra dunha grande das letras, unha rapaza que está a consolidarse como unha grande. Acaba de conseguir o Xerais na súa modalidade de xuvenil, é dicir, gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con Europa Express que editará Xerais en breve.
No seu momento e por cuestións de tempo deixamos ir unha moi boa noveliña e agora que os docentes andan a buscar que poñerlles para ler aos alumnos, aproveitamos para falar da última obra gañadora do Premio Meiga Moira 2014, Miña querida Sherezade, de Andrea Maceiras, con ilustracións de Antonio Seijas en Baía Edicións.
Impecablemente escrito, perfectamente estruturado, cunha liña discursiva orixinal, esta obra conta a historia, a vida, dun libro, si, dun libro que nace e vai transitando ao longo do tempo, de intrahistorias que lles suceden aos seus donos, dos seus protagonistas, dunha Sherezade intelixente e enxeñosa, cos perigos e ameazas de acabar presa do lume, desarmado, poirento e nunha libraría de segunda man á súa sorte. É un libro, Miña querida Sherezade, que convida a soñar, a cuestionarse que é dos obxectos, dos libros, das historias que se nos contan; é unha reflexión sobre o amor e a lealdade, sobre o agarimo que algúns, os do souto tamén, lles temos aos libros asinados, sen asinar pero que viviron nas nosas casas, os que nos legaron os nosos avós.
Miña querida Sherezade atrapa nas gañas de saber onde é que foi As mil e unha noites, que pensa Sherezade, fai cómplice o leitor confesando, como lle confesa a Sherezade, a súa sorte e os seus sentimentos. Unha obra cun final para a esperanza e cheo de maxia, para que vexamos os libros vellos doutro xeito e nos preguntemos onde e que historias viviron xa. As ilustracións que acompañan son de Antonio Seijas, un ilustrador punteiro e versátil, que completa a obra trazando uns personaxes tenros que axudan a soñar.
Recomendación do souto para os mozotes autónomos e para as súas profes.
Sem comentários:
Enviar um comentário